Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo recibe un premio internacional polas actuacións na promoción do emprego e do turismo feitas co Plan Urban


# Venres, 22/06/2012
O Alcalde recolleu este novo recoñecemento ó Concello que foi concedido na Expomunicipal 2012 celebrada en Guayaquil

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O Cónsul do Ecuador en Galicia veu a Lugo a entregarlle o premio ó Alcalde nun acto que se celebrou na Casa do Concello

O Alcalde, José López Orozco, recibiu hoxe un premio internacional concedido ó Concello de Lugo polas actuacións desenvolvidas na cidade grazas ós fondos do Plan Urban, que financian a Unión Europea, a través do FEDER, o Concello e a Deputación provincial.

O Cónsul xeral do Ecuador en Galicia, Alejandro Márquez de Magallanes Rodejo,  foi o encargado de facer entrega do galardón concedido a Lugo na Expomunicipal 2012, unha feira de cidades celebrada na cidade de Guayaquil (Ecuador).

Tamén interviñeron no acto, que se celebrou no Salón de Plenos do Concello, a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, e a Deputada provincial de Deseño e Artesanía, Regina Polín.

O Alcalde agradeceu a concesión do Premio de Ouro internacional ó mellor proxecto de xestión na área de xeración de emprego e desenvolvemento turístico ó Concello de Lugo e manifestou que este galardón “fará que traballemos máis e mellor para aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas da nosa cidade”.

López Orozco lembrou que este premio engádese a outros recoñecementos que tamén recibiu a nosa cidade como o Premio Raíña Sofía de accesibilidade, o Premio nacional do Comercio na modalidade de Concellos e foi felicitada oficialmente pola Academia de Belas Artes de Galicia polas obras de restauración e valorización da piscina romana de Santa María.

O Alcalde felicitou ó equipo, encabezado pola Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, que traballa no Plan Urban e asegurou que o Concello de Lugo “seguirá a cumprir o compromiso que supón a xestión destes fondos”. López Orozco tamén anunciou que “cando este acabe, estamos dispostos a solicitar outro Plan Urban se elo é posible”.
Noutro momento da súa intervención, López Orozco destacou que “nestes momentos de dificultades non hai que arrugarse senón buscar iniciativas para saír deste momento de incertidume económica e atender o problema máis serio que temos que é o paro”.

Pola súa parte, o Cónsul do Ecuador salientou que o premio “é concedido ó mellor proxecto de xestión recoñece o labor realizado polas autoridades lucenses na área de xeración de emprego e desenvolvemento turístico no beneficio dos cidadáns” e chamou a atención sobre “o esforzo adicional que supón nunhas circunstancias de crise económica internacional que non facilita acadar os logros do premio concedido a Lugo”.

Segundo indicou, o Xurado avaliou nas candidaturas internacionais presentadas aspectos como “a iniciativa, a planificación, a sostenibilidade, a capacitación, o nivel de participación cidadá, o impacto e os resultados acadados, noutras palabras, todas as etapas dende a vontade inicial de por en marcha o proxecto”.

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos deu conta das catro actuacións coas que o Concello optou a este galardón:

-a de recuperación de espazos públicos, coas actuacións feitas nas prazas de San Marcos e do Cantiño, así como a ventá arqueolóxica da piscina romana de Santa María.

-as axudas económicas para a mellora da imaxe de empresas e para a creación de novas actividades económicas xeradoras de emprego.

-os recursos para os turistas que se puxeron en marcha como a nova sinalización coa instalación de 32 paneis e sinais sobre o patrimonio cultural do centro histórico, a edición de vídeos en tres idiomas sobre 27 recursos culturais, a edición de planos para os establecementos hoteleiros e a distribución de embalaxes para a venda de produtos autóctonos.

-a formación directa para o emprego cos cursos de cantaría e madeira para o acceso a traballo en obras como a rehabilitación do Vello Cárcere.

Pola súa parte, Regina Polín salientou que o Plan Urban fixo de Lugo “unha cidade máis atractiva, máis cómoda para todos e tamén unha cidade diáfana”. Neste sentido, destacou a transformación experimentada pola Praza de San Marcos e tamén fixo fincapé na importancia do traballo conxunto de distintas administracións, como a Deputación, o Concello e a Unión Europea para lograr este cambio que se produciu en Lugo.

www.lugo.es/urban

 




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova