Imprimir

O CONCELLO OFRECERÁ UNHA RECEPCIÓN Ó CD LUGO ÁS 20.30 HORAS PARA FESTEXAR O SEU ASCENSO Á SEGUNDA DIVISIÓN


25/6/2012

O Concello tributará hoxe unha merecida homenaxe ó Clube Deportivo Lugo polo importante éxito que supón o seu ascenso á Segunda División A do fútbol español.

O Alcalde, José López Orozco, presidirá esta tarde a recepción que lle ofrecerá o Concello, no nome do pobo de Lugo, ó CD Lugo no Pazo municipal.

López Orozco anunciou esta mañá que o Concello recibirá como se merece ó Clube e dixo, na presentación do balance da festa do Arde Lucus, que “non podía haber maneira de rematar a festa que co ascenso”. Ademais, declarou que este éxito deportivo vai contribuir a facer unha maior promoción da cidade.

Os actos de celebración terán lugar a partir das 20.30 horas cando chegará á Praza Maior o autobús coa directiva, equipo técnico e xogadores do Lugo.

Unha vez na Casa do Concello, efectuarase a recepción no Salón de Plenos, onde se producirán as intervencións do Alcalde, o Tenente de Alcalde e Concelleiro de Cultura, Turismo e Promoción da Língua, Antón Bao, e o Presidente do Clube, José Bouso.

Deseguido, asinarán no Libro de Honra do Concello o Presidente, o Adestrador, Quique Setién, e os xogadores que tamén recibirán uns agasallos.

Posteriormente, directivos, equipo técnico e xogadores sairán ó balcón do Pazo municipal para saudar a todos os lucenses que se acheguen ata a Praza Maior para sumarse á celebración por este importante logro deportivo para o CD Lugo e para o conxunto da nosa cidade.