Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo pon en marcha unha Escola de Narración Oral en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega


# Luns, 25/06/2012
A iniciativa, presentada hoxe polo tenente alcalde, Antón Bao, ten por obxectivo recuperar a tradición da oralidade e da fantasía da narrativa popular de Galicia

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A actividade da escola arrincará en setembro cun obradoiro de creación literaria impartido polos escritores Antonio Reigosa e Isidro Novo

A cidade de Lugo contará cunha Escola de Narración Oral que ensinará técnicas para contar historias e afondará na tradición da literatura oral. A iniciativa, que comezará a andar no mes de setembro, nace da man da Área de Cultura do Concello e da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Esta escola da oralidade foi presentada esta tarde nun acto que tivo lugar na Praza Ánxel Fernández Gómez polo tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, e o coordinador da sección de Literatura Oral da AELG, Antonio Reigosa. Ao remate do acto, o Grupo Palimoco Teatro representou un fragmento de Queres que cho conte?, proxecto de dramatización do conto popular tradicional.

O lugar escollido para este acto, xusto ao carón da estatua de Ánxel Fole, constitúe unha declaración de intencións sobre o obxectivo desta escola, “que nace coa intención de recuperar a tradición da oralidade e a fantasía da narrativa popular galega e render homenaxe aos grandes narradores da nosa literatura seguindo o seu ronsel”, segundo explicou Antón Bao.

Precisamente, a actividade coa que inicia a súa andaina consistirá nun obradoiro de creación literaria que impartirá a partir do mes de setembro o propio coordinador da escola, Antonio Reigosa, xunto ao escritor lucense Isidro Novo. Con este obradoiro, aberto a todos os cidadáns maiores de 15 anos, abordaranse todos os ámbitos da oralidade, dende a tradición ás tendencias máis innovadores, co fin de inspirar a novos creadores e de estimular novas correntes baseadas nesa oralidade que tanto marcou a nosa literatura.

O curso, baixo o título Iniciación á narración oral, desenvolverase ao longo de trece xornadas de dúas horas de duración do 25 de setembro ao 18 de decembro. As clases serán os martes de 18:00 a 20:00 horas no C.S. Uxío Novoneyra e a inscrición gratuíta poderá formalizarse do 27 de xuño ao 15 de setembro no Rexistro Xeral do Concello de Lugo. As prazas son limitadas e adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición.

Contidos

A escola terá a súa sede no Centro Social Uxío Novoneyra e as clases impartiranse nas aulas que se habilitarán para a Escola de Música, coa que compartirá dependencias. Os contidos abranguen unha variada escolma de materias co fin de que o alumno acade notables coñecementos das técnicas da narrativa oral como son:

- A comunicación oral
- As linguaxes non verbais
- A lingua oral
- Os xéneros orais
- A cultura tradicional e a oralidade
- As novas formas de cultura e a comunicación oral: rap e outros xéneros de improvisación
- O discurso oral
- A memoria, historia e fonte oral
- As historias de vida
- A destreza oral
- A literatura oral: Xéneros
- A lectura en voz alta
- As lecturas colectivas
- As palabras con memoria

Máis información en www.aelg.org



Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova