Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Visitas guiadas, demostracións de vellos oficios, actividades de natureza, concertos e o I Festival Internacional de Percusión completan a programación deste "Verán en Lugo"


# Martes, 26/06/2012


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, presentou hoxe esta variada oferta, que inclúe tamén actividades infantís, obradoiros de artesanía, a celebración dunha Festa da Malla en pleno centro da cidade e excursións en catamarán polo río Miño

O certame de Pintura Rápida ao Aire Libre terá lugar o domingo 15 de xullo

As rúas e prazas da cidade acollerán os días 27, 28 e 29 de xullo o I Festival Internacional de Percusión


A cidade de Lugo contará este verán cunha ampla e variada oferta de actividades culturais, turísticas e de natureza para todos os públicos organizadas polas áreas de Cultura e Turismo do Concello e da Deputación para os meses estivais. O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, presentou hoxe esta variada oferta de cultura, lecer e natureza incluída no programa Verán en Lugo, destacando que “tanto os lucenses como todos os visitantes que recibamos ao longo do verán, poderemos gozar dunhas actividades de lecer abertas a todos os públicos e que poñen en valor a nosa cultura e a nosa cidade”.

Precisamente, para descubrir a cidade a través dunha ollada diferente poranse en marcha as Visitas guiadas pola cidade que ofrecen as guías profesionais de turismo de Lugo. Dende o 30 de xuño ata o 14 de outubro organizan unha visita diaria ás 12:30 horas con saída dende a Praza do Campo para conducir aos participantes polos recunchos máis fermosos e emblemáticos de Lugo.

Tamén ao longo de todo o verán, dende o 1 de xullo ao 30 de setembro, a Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial ofrece un programa de Actividades de natureza no río Miño con roteiros en catamarán. A área recreativa dos Robles será o punto da saída ás 11.30, 12:30, 17:00, 18:00 e 19:00 horas dos apacibles paseos polo Miño.

O programa Verán en Lugo inclúe ademais dúas actividades gratuítas e para todos os públicos: o programa Cultura Aberta e o I Festival Internacional de Percusión. O programa Cultura Aberta, organizado pola Área de Cultura da Deputación, fará as delicias dos máis pequenos, pois inclúe sesións de cinema, maxia, concertos de música e outras actividades infantís que se celebrarán todos os martes, os mércores e os xoves entre o 3 de xullo e o 2 de agosto nos Xardíns da Deputación. Pola súa banda, o Festival Internacional de Percusión traerá por primeira vez a Lugo os días 27, 28 e 29 de xullo a percusionistas chegados de distintos puntos do mundo, que darán concertos nas rúas e prazas da cidade.

‘Vellos Oficios Vivos’

Outra das citas que máis expectación levantan tanto entre os lucenses como entre os turistas e a mostra dos Vellos Oficios Vivos que se celebrará de novo todas as fins de semana do 7 de xullo ao 2 de setembro (excepto a fin de semana do 14 e o 15 de xullo) nos soportais do fondo da Praza Maior.

Ademais de ofrecer un tempo de lecer, esta actividade ten como obxectivo converterse nunha mostra de referencia da artesanía tradicional galega que sirva de plataforma de difusión e promoción dos oficios autóctonos que seguen a desenvolver veteranos mestres e que herdan os novos artesáns. “Trátase de contribuír a evitar a extinción dunhas artes propias da cultura galega e abrir á xente moza novas posibilidades de emprego nestes oficios”, destacou Antón Bao.

Durante todo o verán en pleno centro de Lugo tres asociacións culturais especializadas na recuperación da cultura popular e un total de 34 artesáns de distintas disciplinas como a olería, a cestaría, a ferrería, o traballo tradicional de tecidos como a la ou o lino, tallistas de madeira, pizarra e vidro, zoqueiros e un zapateiro chegados de toda Galiza mostrarán en directo os seus métodos de traballo e realizarán obradoiros para o público que desexe participar co fin de ensinar as técnicas do traballo artesán. O horario das demostracións ao vivo é de 11:00 a 14.30 horas e de 17:00 a 21.30 horas.

Como novidade este ano, para completar a actividade desenvolveranse cinco xornadas especiais que consisten na exaltación de distintos elementos da cultura tradicional galega, en espacial dos vellos oficios agrarios e da vida no rural:

- Homenaxe e recuperación dos Vellos oficios da aldea coa que se inaugura a actividade o día 7 de xullo. A asociación “Grupo de recuperación da tradición oral” de San Tirso de Abres, especializada na recuperación dos oficios artesanais, ese día vai dar vida a unha auténtica aldea tradicional. Un carpinteiro ambulante amosará aperos de labranza, un torneiro fabricará instrumentos musicais e as fiadeiras representarán o ciclo da la. Tamén participarán un zoqueiro, un zapateiro, un campaneiro e dous serradores. Ademais, dúas mulleres ensinarán o amasado de pan tradicional e a fabricación de xabóns artesanais.

- Xornada de xogos tradicionais o domingo 8 de xullo. Con esta xornada trátase de recuperar os xogos antigos e achegar aos nenos o modo de diversión que tiñan os nosos antergos cos elementos que atopaban na natureza e no contorno habitual dos fogares. Nesta ocasión a actividade será dirixida por Manuel García Fernández, un carpinteiro de Lourenzá que ten na súa casa unha importante colección de xoguetes antigos restaurados por el mesmo e que é coautor, xunto a Xosé López González, do libro Os xoguetes esquecidos publicado por Edicións A Nosa Terra. Nesta xornada, Manuel realizará obradoiros de fabricación de xoguetes con paos, follas de árbores e outros materiais da natureza. Tamén traerá xoguetes antigos para que nenos e maiores compartan os xogos dos avós.

- Representación da Festa da Malla os días 11 e 12 de agosto. Con esta actividade vaise representar unha malla tradicional xunto a distintos oficios tradicionais vinculados ao campo como un ferrador de cabalos e un esquilador de ovellas. Tamén haberá personaxes que animaban a festa como os cantares de cego. Co fin de pór en valor toda a tradición que rodeaba á malla celebraranse pequenas charlas explicativas que achegarán ao público esta tradición do campo galego. Esta actividade será coordinada pola Federación Rural Galega (Fruga).

- Tamén será un día especial o 28 de xullo, coa presenza de tres mestres artesáns que suman máis dun século de veteranía entre os tres e que se chamará o Día dos Vellos Mestres. Serán o ferreiro da Fonsagrada Oliverio Álvarez, o teitador Manuel Rodríguez, do Rosal, e o canteiro Ramón Villar, de Guitiriz.

- Por último, a xornada das Artes do mar que clausura a mostra dos Vellos Oficios Vivos o domingo 2 de setembro. Será un día dedicado aos artesáns dos oficios da mar como son as redeiras e os carpinteiros da ribeira. Para esta actividade contarase coa presenza da Asociación de redeiras Cabo de Burela que son traballadoras especializadas na fabricación de redes de pesca e anzuelos e manteñen a técnica tradicional deste vello oficio e co carpinteiro da ribeira Francisco Fra.

Para máis información consultar o calendario completo dos Vellos Oficios Vivos 2012 en www.lugo.es

Certame de Pintura Rápida ao aire libre

Non podía faltar tampouco na programación estival unha das citas máis esperadas do verán en Lugo como é o seu famoso Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre que cumpre a súa duodécima edición e concentra a artistas chegados de distintos puntos do Estado para plasmar nos seus lenzos os recunchos máis fermosos do centro. Este ano terá lugar o domingo 15 de xullo e os artistas poderán inscribirse ese mesmo día entre as 9:00 e as 11:00 horas na oficina do departamento de Cultura situada na Casa do Concello. O recinto amurallado e o adarve da Muralla serán os escenarios que deben retratar os pintores nas súas obras que teñen que rematar como moi tarde ás 17.00 horas. O xurado fará pública a súa resolución ás 18:00 horas, cando se coñecerán os gañadores dos premios do certame que este ano son:

  1º premio.- 1.000 € e diploma
  2º premio.- 700 € e diploma
  3º premio.- 500 € e diploma
  7 accésits de 300 € e diploma

E un premio especial ó artista local, nacido ou residente en Lugo, non compatible coa obtención dos outros premios: 250 € e diploma

Para máis información consultar as bases completas:


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova