Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Sonia Méndez deu a coñecer os catro obradoiros tecnolóxicos do proxecto Muralla Dixital que comezan en setembro


# Martes, 26/06/2012
Sonia Méndez salientou que están dirixidos a licenciados en Humanidades, Historia, Historia da Arte ou varios dos ciclos que se imparten en Lugo

Imaxe Asociada

As bases da convocatoria sairán nos próximos días publicadas no BOP e terán unha duración de cinco meses

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, e a Decana da Facultade de Humanidades, Isabel González Rey, presentaron os obradoiros que se van levar a cabo dentro do proxecto Muralla Dixital. Este é un proxecto, cofinanciado nun 75% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP).

Para o Concello de Lugo, este proxecto, ten un marcado carácter de formación e inserción laboral dirixidos especialmente aos alumnos e alumnas da Facultade de Humanidades de Lugo e doutros ciclos que se imparten na cidade.

Sonia Méndez explicou que está dirixido “a estudantes licenciados para que recollan novos coñecementos e evitar o que se coñece como fuga de talentos” co fin de que “as persoas formadas no campus de Lugo se queden na nosa cidade para crear as súas empresas relacionadas co sector cultural”. Neste sentido, informou que “neste sector vemos un gran potencial en Lugo que aínda non está desenvolto como noutras cidades”.

Pola súa parte, a Decana da Facultade de Humanidades, incidiu en que “este tipo de medidas son as que precisan o Campus de Lugo para que os estudantes se queden na cidade e saiban que teñen saídas relacionadas co sector cultural e tecnolóxico”.

Esta acción formativa está dirixida a mozos/as de entre 18 e 35 anos, en situación de desemprego e en posesión do título universitario en Humanidades, Historia, Historia da Arte e Belas Artes, ou ben en posesión do título de grao superior de formación profesional de imaxe e son ou de deseño gráfico. Vanse desenvolver 4 obradoiros, que terán unha duración de cinco meses e unha beca de 900 euros brutos ao mes e que contarán con oito participantes cada un. Os obradoiros son os seguintes:

- Obradoiro de dixitalización do Patrimonio Documental Lucense.
- Obradoiro de dixitalización 3D do Patrimonio histórico-arqueolóxico lucense.
- Obradoiro de fotografía dixital Panorámica 360º do Patrimonio Histórico-arqueolóxico lucense.
- Obradoiro de modelado e animación 3D do Patrimonio Histórico-Arqueolóxico lucense.

Para participar en ditos obradoiros o Concello de Lugo vai lanzar unha convocatoria pública de bolsas formativas remuneradas que se publicará proximamente no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

Os contidos destes obradoiros xiran en torno á dixitalización do patrimonio histórico-arqueolóxico da cidade de Lugo, con especial incidencia sobre a Muralla Romana, Patrimonio da Humanidade, utilizando para iso as novas tecnoloxías da información e da comunicación. Teñen un claro compoñente práctico, xa que aínda que existe unha pequena parte teórica, a parte fundamental xira en torno á aprendizaxe no manexo de diferentes ferramentas tecnolóxicas de rexistro, documentación e difusión do propio patrimonio histórico-arqueolóxico lucense. Desta maneira, permitirase xerar unha serie de produtos de difusión cultural relacionados coa historia da cidade de Lugo que serán incorporados aos diferentes produtos tecnolóxicos que se xeren dentro do proxecto “Muralla Dixital”.

Este proxecto europeo, que conta cun presuposto total de 1.883.800 euros, ten como obxectivo principal a creación dunha rede de cidades amuralladas de Galicia e Norte de Portugal que aposten pola xestión conxunta para a valorización do seu patrimonio histórico-arqueolóxico a través das novas tecnoloxías da información e da comunicación. O partenariado do proxecto está formado polos seguintes socios: Concello de Lugo (beneficiario principal). Universidade de Santiago de Compostela. Ineo, Asociación Multisectorial de Nuevas Tecnologías de Información y Comunicación. Centro de Computação Gráfica Azurém. Câmara Municipal de Valença. Câmara Municipal de Monção. Câmara Municipal de Melgaço.

Máis información do proxecto Muralla Dixital.

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova