Imprimir

UN COMITÉ DE EXPERTOS AVALIARÁ AS MELLORAS QUE OFRECERON AS EMPRESAS QUE SE PRESENTARON Ó CONCURSO DA ORA


26/6/2012 O Concello dará cumprimento así a unha sentenza do TSXG que dá por bo o concurso

A Concelleira de Economía considera incongruente a sentenza porque o prego non foi anulado e será imposible garantir que os expertos descoñezan as ofertas económicas que fixeron as empresas

O Concello acatará aínda que non comparte a sentenza do TSXG que obriga a que sexa un comité de expertos e non os servizos municipais quen avalíe as melloras ofrecidas polas empresas que se presentaron ó concurso da ORA.

A Concelleira de Economía, Sonia Méndez, considera incoherente que se anule un aspecto do prego do concurso cando este non foi cuestionado no momento no que se someteu a exposición pública.

"É como recorrer unha das bases dunha oposición non cando foi convocada senón despois de suspender o exame", explicou graficamente a Concelleira. Méndez lembrou que o “prego do concurso da ORA foi publicado e estivo exposto a información pública as empresas que participaron nel aceptárono, presentáronse e houbo unha que, como non gañou, presentou un recurso”.

Tamén explicou a Concelleira que nin a Asesoría Xurídica do Concello nin o Servizo de Contratación consideraron necesario establecer no concurso a creación do comité de expertos para valorar as melloras “porque os criterios para avalialas eran obxectivos e valorables economicamente”.

Sen embargo, a sentenza do TSXG establece agora que se deben retrotraer as actuacións ó momento no que se debía constituír o comité de expertos algo que, segundo manifestou a Concelleira de Economía “nos parece incoherente e contraditorio, xa que se tiña que haber comité de expertos o que debía anular a sentenza é o prego, pero este non pode ser anulado porque foi aceptado, no seu momento, por todas as partes”.

En todo caso, Sonia Méndez anunciou que o Concello acata a sentenza e vaina executar constituíndo un comité de expertos aínda que iso suporá outro paradoxo xa que, explicou a Concelleira, “eses expertos non serán totalmente imparciais, dado que as ofertas económicas xa están abertas, así que, con esta decisión do TSXG, non se garante o segredo das propostas, como si se fixo polo Concello no momento de adxudicar o servizo”. Neste sentido, Méndez destacou que daquela “o servizo de Enxeñería avaliu as melloras sen ter coñecemento das ofertas económicas, porque estaban nun sobre pechado” e salientou que “a lei é moi clara respecto de que quen informe, sexan funcionarios ou comité de expertos, non poden ter información da seguinte fase do concurso que é a oferta económica para que iso non lle inflúa na decisión que tomen ó valorar as melloras”.

Agora, con esta sentenza, dáse a situación incongruente de que a execución da sentenza vai supor que o comité de expertos estea informado das ofertas económicas que fixeron as empresas cando valore as melloras, incumprindo así a garantía de segredo que establece a lei, segundo explicou Sonia Méndez. 

Ademais, a Concelleira de Economía considerou que o informe do comité de expertos será semellante ó que fixeron no seu día os servizos municipais que ditaminaron imparcialmente, sen coñecer as ofertas económicas, cal era a oferta máis vantaxosa para o Concello e comprobaron que había unha gran diferencia entre as propostas presentadas polas distintas licitadoras.