Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Aprobada a modificación da RPT para que os membros da Banda Municipal impartan clases na Escola de Música


# Mércores, 27/06/2012
Os músicos que integran a Banda pasarán a ter xornada completa e encargaranse tamén da docencia e a dirección da Escola de Música

Contratadas as obras de remodelación do Centro Social Uxío Novoneyra, que estarán rematadas en dous meses

A Xunta de Goberno aprobou hoxe unha modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello que converte aos membros da Banda Municipal en funcionarios a xornada completa para que poidan encargarse de impartir as clases na Escola de Música. O tenente alcalde e responsable de Cultura, o nacionalista Antón Bao, explicou que deste xeito dáse cumprimento a unha “demanda histórica dos membros da Banda de Lugo”, que ata o de agora eran traballadores a media xornada e compatibilizaban a súa labor con outros traballos fóra do Concello.

Bao, que visitou pola tarde aos músicos da Banda no seu local de ensaio habitual, situado no Centro Social Uxío Novoneyra, explicou que os 20 músicos que ten actualmente a Banda Municipal encargaranse de todo o relativo á Escola de Música, tanto docencia como dirección e tarefas administrativas, polo que prestarán “un novo servizo aos cidadáns de Lugo”. O tenente alcalde indicou que esta modificación, que se fará efectiva a partir do 1 de xullo, terá un custo anual de 300.000 euros.

Antón Bao salientou ademais o feito de que se logre deste xeito “consolidar postos de traballo no Concello” e crear uns 20 empregos fóra da Administración local, dado que os traballos que estes músicos desempeñaban fóra do Concello quedarán agora vacantes para seren ocupados por outras persoas. “Penso que é algo importante nestes tempos de crise”, dixo Bao.

A Escola de Música terá un enfoque eminentemente práctico, afirmou o responsable de Cultura do Concello. Impartiranse un total de 21 materias, entre as que haberá a aprendizaxe de 12 instrumentos distintos principalmente de vento e percusión e 9 materias teóricas de apoio e formación musical. Comezará a funcionar en outono.

Adxudicadas en 97.000 euros as obras da Escola de Música

Na Mesa de Contratación celebrada hoxe adxudicáronse tamén as obras de adecuación de espazos na primeira planta do Centro Social Uxío Novoneyra para acoller as distintas aulas, outra das cuestións necesarias para a posta en marcha da Escola de Música. A empresa gañadora foi Muralla de Rehabilitaciones por un importe de 97.000 euros. O prazo de execución dos traballos é de dous meses.

Segundo informou o tenente alcalde, Antón Bao, as obras necesarias para transformar en aulas o espazo que actualmente ocupa unha das salas de exposicións do Centro Social Uxío Novoneyra, así como a súa insonorización, estarán rematadas para que o curso comece no próximo outono. En total, a Escola Municipal de Música, que estará situada no Centro Social Uxío Novoneyra, onde xa ten o seu local de ensaio a Banda Municipal, ocupará 332 metros cadrados repartidos en 14 aulas.

Ademais de 11 aulas de entre 6 e 12 metros cadrados para ensaios individualizados por cada un dos distintos instrumentos, haberá unha aula de ensaio para clases colectivas, de 62 metros cadrados de superficie, unha sala de informática para edición de partituras e unha sala de usos múltiples pensada para ensinanzas musicais que requiran movemento, acondicionada co chan acolchado e espellos nas paredes. Tamén formarán parte das dependencias da Escola de Música o actual local de ensaio da Banda Municipal, así como o salón de actos do Uxío Novoneyra, que acollerá concertos e actuación. Manterase en funcionamento unha das salas de exposición do Centro Social, de 230 metros cadrados. As obras levaranse a cabo nos meses de xullo e agosto e os traballos estarán rematados antes do inicio das clases o próximo curso.



Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova