Cargando....
Concello de Lugo
18/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Xa está aberto o prazo para solicitar as bolsas de formación do proxecto Muralla Dixital


# Luns, 02/07/2012
O Concello ofrece a titulados que estean no paro 32 bolsas remuneradas para os catro obradoiros que comezarán en setembro e durarán cinco meses

O prazo de solicitude rematará o día 10 de xullo segundo consta na convocatoria que se publicou o sábado no Boletín da Provincia

A Concellería de Economía, Emprendemento e Autónomos comunica que se abre hoxe o prazo para solicitar as bolsas de formación do proxecto Muralla Dixital, que pon en marcha o Concello e que está cofinanciado nun 75% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP).

Neste proxecto vanse organizar catro obradoiros que están dotados con 32 bolsas remuneradas. Os obradoiros tratarán sobre dixitalización do Patrimonio Documental Lucense, dixitalización 3D do Patrimonio histórico-arqueolóxico lucense, fotografía dixital Panorámica 360º do Patrimonio Histórico-arqueolóxico lucense e modelado e animación 3D do Patrimonio Histórico-Arqueolóxico lucense.

Coa posta en marcha deste programa europeo, o Concello de Lugo fai unha nova aposta pola recuperación do noso patrimonio, ó tempo que contribúe a mellorar a formación dos titulados universitarios e de formación profesional.

Esta acción formativa está dirixida a mozos/as de entre 18 e 35 anos, en situación de desemprego e en posesión do título universitario en Humanidades, Historia, Historia da Arte e Belas Artes, ou ben en posesión do título de grao superior de formación profesional de imaxe e son ou de deseño gráfico. Vanse desenvolver 4 obradoiros, que terán unha duración de cinco meses e unha beca de 900 euros brutos ao mes e que contarán con oito participantes cada un.

Os impresos para facer a inscrición estará aberto ata o martes día 10 de xullo e as solicitudes deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello.

As bases desta convocatoria foron publicadas o sábado pasado no Boletín Oficial da Provincia. Os modelos de solicitude tamén se poden obter na Oficina de Participación Cidadá e na páxina web do Concello www.lugo.es.

Os contidos dos obradoiros xiran en torno á dixitalización do patrimonio histórico-arqueolóxico da cidade de Lugo, con especial incidencia sobre a Muralla Romana, Patrimonio da Humanidade, utilizando para iso as novas tecnoloxías da información e da comunicación. Teñen un claro compoñente práctico, xa que aínda que existe unha pequena parte teórica, a parte fundamental xira en torno á aprendizaxe no manexo de diferentes ferramentas tecnolóxicas de rexistro, documentación e difusión do propio patrimonio histórico-arqueolóxico lucense. Desta maneira, permitirase xerar unha serie de produtos de difusión cultural relacionados coa historia da cidade de Lugo que serán incorporados aos diferentes produtos tecnolóxicos que se xeren dentro do proxecto Muralla Dixital.

Este proxecto europeo, que lidera o Concello de Lugo, conta cun presuposto total de 1.883.800 euros. O seu principal obxectivo é a creación dunha rede de cidades amuralladas de Galicia e Norte de Portugal que aposten pola xestión conxunta para a valorización do seu patrimonio histórico-arqueolóxico a través das novas tecnoloxías da información e da comunicación. O partenariado do proxecto está formado polos seguintes socios: Concello de Lugo (beneficiario principal), Universidade de Santiago de Compostela, Ineo, Asociación Multisectorial de Nuevas Tecnologías de Información y Comunicación, Centro de Computação Gráfica Azurém. Câmara Municipal de Valença. Câmara Municipal de Monção e a Câmara Municipal de Melgaço.

Pode descargar o modelo de solicitude dende o apartado Sede Electrónica.

www.muralladigital.eu




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova