Imprimir

OS NENOS DO RURAL DE LUGO PODERÁN ASISTIR A CLASES DE CONVERSACIÓN DE INGLÉS ESTE VERÁN


6/7/2012 A Concellería de Servizos Xerais organiza o programa de cursos “Aprende e disfruta co inglés” en dez telecentros da zona rural

O Concello organiza este verán cursos de inglés falado para os nenos da zona rural.

O Concelleiro de Servizos Xerais, Francisco Fraga, presentou hoxe os cursos "Aprende e disfruta co inglés" que se van impartir en dez telecentros da zona rural aproveitando os medios informáticos cos que están dotados.

Segundo explicou Francisco Fraga, “intentamos que os pequenos aprendan xogando a falar inglés, porque aínda somos un país no que non hai dominio dun idioma que é fundamental para o futuro e eu estou convencido que, se se incentiva desde pequeno, é moito máis fácil aprendelo”.

Con esta iniciativa, o Concello quere contribuír a que os nenos da zona rural teñan as mesmas oportunidades que os pequenos da cidade. A Concellería de Servizos Xerais dotou no seu día a rede de telecentros rurais dos medios informáticos para que os veciños do rural teñan tamén a oportunidade de empregar as novas tecnoloxías e tamén organizou cursos de iniciación e perfeccionamento de informática.

Este verán, a Concellería de Servizos Xerais pon en marcha unha nova iniciativa que aproveitará as novas tecnoloxías para axudar ós nenos do rural a que aprendan a expresarse en inglés.

Os cursos “Aprende e disfruta co inglés” desenvolveranse nos telecentros de San Xoán do Campo, Coeses, Ribas de Miño, Rubiás, o Burgo, Meilán, Santa María de Bóveda, San Xoan do Alto, Saa e Calde e poderán acudir a eles nenos de todas as parroquias da zona rural.

As clases estarán a cargo dun profesor que fará uso das ferramentas informáticas e a utilización de xogos e outras actividades lúdicas para que os nenos aprendan a falar o inglés.

Os cursos, destinado tanto a nenos de primaria como de secundaria, terán unha duración de 20 horas e desenvolveranse a partir do 16 de xullo ata finais de agosto. As inscricións poderanse facer chamando ó 010.

Coñece os telecentros rurais.