Cargando....
Concello de Lugo
23/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello estuda presentar recurso contencioso- administrativo contra a decisión do PP de adiar as obras do Plan Paradai


# Mércores, 11/07/2012


Imaxe Asociada Imaxe Asociada

A Xunta considera de “interese público” privar a Lugo das infraestruturas previstas no Plan Paradai nun escrito que Paz Abraira cualificou como “tomadura de pelo aos veciños de Lugo” o escrito remitido pola Xunta

Sonia Méndez desminte ó Partido Popular e informa de que o Concello ingresou por costas xudiciais unha cantidade semellante á que gastou



Paz Abraira cualificou hoxe como como “unha tomadura de pelo” a resolución ditada polo executivo do Partido Popular na que a Xunta resolve desistir do convenio asinado co Concello de Lugo para a execución das obras pendentes do Plan Paradai. Para a Concelleira nacionalista responsable da Área de Infraestruturas e Axenda 21, “non é de recibo que dende a Xunta se achaque ao interese xeral a supresión deste convenio e que se faga de xeito unilateral”. Paz Abraira anunciou tamén que o concello realizará, segundo se aprobou hoxe na xunta de goberno, un trámite ante a Axencia Galega de Infraestruturas para demandar maior información para saber porqué a Xunta desiste do convenio. Aínda así o concello, segundo Paz Abraira, “estuda a idoneidade de presentar un recurso contencioso – administrativo contra a decisión do executivo do Partido Popular”.

A Xunta, mediante a Axencia Galega de Infraestruturas, comunicou por escrito ao Concello de Lugo o desistimento no convenio asinado o seu día para desenvolver as obras do chamado Plan Paradai. No citado escrito a Xunta resolve desistir “por razóns xustificadas de interese público, do convenio de colaboración asinado o 10 de febreiro de 2009 entre a antiga Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e o Concello de Lugo”. A través deste escrito queda anulado as obras previstas no Plan Paradai, concretamente as obras de “Ponte Paradai-Serra de Meira. Fase 2”, “Ponte Paradai-Avda Conde Fontao” e “Estrada As Gándaras”.

A edil de Infraestruturas e Axenda 21 considera “inaceptable” o incumprimento do convenio para a execución das obras do Plan Paradai e rexeita a decisión da Xunta de deixar sen executar máis de 6 millóns de euros alegando problemas orzamentarios e “interese público”. Abraira dixo que con este escrito “confírmase que a mesma Xunta é incapaz de executar os seus propios orzamentos e de cumprir cos compromisos adquirido”, recordando que para este ano estaban orzamentados 2,2 millóns de euros para estas obras.

O convenio, que agora a Xunta desiste de xeito unilateral, contemplaba a execucións das obras pendentes, antes de 2014, incluídas as previstas en Ponte Romai-Calzada das Gándaras e en Rúa Alta-Praza de Conde Fontao, que agora quedarán paralizadas pola Xunta de Galiza. Paz Abraira sinalou que “cando se remate, o Plan Paradai levará 20 anos executándose para un investimento de tan só 17 millóns de euros”.

Dispostos a renunciar ao Plan Sectorial de Aparcadoiros Disuasorios

Paz Abraira ironizou sobre a posibilidade de renunciar, como Concello de Lugo, as obras anunciadas “no teórico plan de construción de aparcadoiros disuasorios”. Abraira dixo que “renunciariamos encantados aos investimentos anunciados para este plan, de 11,2 millóns de euros, a cambio de que a Xunta mantivese o compromiso de realizar as obras do Plan Paradai”. Para o caso de Lugo este plan de aparcamentos establece como aparcadoiros os xa existentes: Pazo Universitario dos deportes, Estadio de fútbol Anxo Carro, Pazo de exposicións, Zona As Termas, e Estación ADIF Lugo. Tampouco a Xunta se puxo en contacto co concello de Lugo para analizar a fórmula de enlazar, a través do transporte público, estes aparcadoiros con centro da cidade e toda a información que ten o concello é a derivada dos medios de comunicación.

Costas xudiciais

Pola súa parte, a Concellería de Economía, Sonia Méndez, informou de que o Concello pagou este ano en costas xudiciais menos da terceira parte do que di o PP que, ademais de falsear os datos, oculta que o gasto feito é semellante ós ingresos que houbo as arcas municipais polo mesmo concepto.

A Concelleira de Economía, rectificou as falsas informacións difundidas polo PP que cifrou en 90.000 euros o gasto en costas xudiciais cando eses pagos non chegan a 24.000 euros e, ademais, o Concello ingresou polo mesmo concepto arredor de 20.000 euros.

“Cando pelexamos no Xulgado, o que facemos non é mais que defender o interese do Concello e dos lucenses”, destacou a Concelleira.

Méndez explicou que cando o Concello acode a vía xudicial faino na defensa do interese público e a legalidade da actuación dos funcionarios e por iso, en moitas ocasións nos dan a razón. Así aclarou que o Concello gaña moitos pleitos, aínda que non teña tanta repercusión mediática.

Hoxe mesmo, a Xunta de Goberno Local tomou coñecemento dunha sentenza que lle deu a razón ó Concello nun recurso presentado contra a licenza de ampliación do cemiterio de San Vicente de Coeo.

O Goberno local tomou razón da sentenza que confirma a legalidade da licenza de instalación e actividades de ampliación do cemiterio parroquial, que concedera a Xunta de Goberno o 3 de novembro de 2004 a solicitude da Asociación veciñal “El Teide” de San Vicente de Coeo. Un particular recorrera ese acordo e tamén expuxo unha cuestión de ilegalidade de varios artigos do Regulamento de Policía sanitaria.

No seu día, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia xa declarara inadmisible a parte do recurso referida á devandita ilegalidade e agora o Xulgado Contencioso Administrativo número 1 vén de desestimar o recurso contencioso-administrativo presentado contra a licenza outorgada polo Concello. 

Mobiliario no tramo peonil da ronda da Muralla

En relación ás declaracións da edil do Partido Popular nas que se cuestionaba o elevado custo do mobiliario urbano que se vai instalar no tramo peonil da ronda da Muralla, Paz Abraira lamentou “comunicarlle que vai resultar aínda máis caro por que o presidente do goberno do estado acaba de anunciar a subida do IVE” e clarificoulle que “o custe non obedece somentes á compra do mobiliario se non que tamén van incluídos a instalación, a obra pública necesaria para a instalación das farolas, e todos os impostos e cuestións relativas á seguridade que unha obra deste tipo precisa”. Paz Abraira clarificou tamén que “é certo que non mercamos o mobiliario máis barato do mercado pero o entorno dun monumento Patrimonio da Humanidade como é a Muralla merece uns elementos axeitados e dignos”.

Paz Abraira incidiu en que “xa sabemos que partido popular prefire unha Muralla como está na actualidade chea de herbas, coas luminarias rotas e abandonada polas mans de que non ten capacidade para facerse cargo dun monumento como este”. Abraira aproveitou para facer referencia ás medidas anunciadas polo presidente do goberno asegurando que “estas medidas demostran que o estado español está intervido”.

Mantemento das zonas verdes

A pesar da época de vacacións na que nos atopamos, a Xunta de Goberno aprobou este mércores nove asuntos da área de contratación.

Un dos máis destacados é a contratación, por procedemento do servizo de mantemento, mellora e conservación das zonas verdes públicas e arboredo viario.

Sonia Méndez explicou que, neste momento, o custe do servizo é de 690.000 euros polo coidado de 516.000 metros cadrados de zona verde. O prezo máximo de licitación do novo contrato é de 854.000 euros, un incremento que se debe ó aumento de 91.000 metros cadrados máis de zonas verdes e á inclusión no contrato de novas prestacións que deberá atender a adxudicataria para mellorar o servizo.

Nas novas prestacións que terá que atender figura o mantemento de paseos adoquinados, principalmente os situados na Acea de Olga, tamén se fará cargo do mantemento hidráulico e eléctrico do circuítos cerrados de estanques, fontes e do mapa do parque Rosalía de Castro, ademais terá que asumir o trasplante e traslado de 80 especies arbóreas, o control de lexionela nos regos automatizados, aumentar de 6 a 16 o número de mantementos no Paseo do Miño. O contrato inclúe tamén máis plantacións e no tocante a gastos derivados de accións de vandalismo, que non cubra o seguro do Concello, a empresa pasará de asumir o 10% actual do gasto a correr co 45%.

Outros contratos

A Xunta de Goberno Local acordou tamén a contratación, por procedemento aberto, do servizo de telefonía móbil, fixa e conexión de datos do Concello por espazo de catro ano, prorrogable a dous máis e por un valor máximo estimado para a primeira anualidade de 211.864,41 euros. Coa unión destes servizos o Goberno local prevé un aforro anual de 90.000 euros.

Tamén polo procedemento aberto sae a convocatoria o servizo de mantemento de todo o equipamento informático do Concello polo prazo dun ano, prorrogable a dous máis, e por un valor máximo estimado en 59.850 euros.

O Goberno local deulle ademais o visto e prace á convocatoria, polo procedemento aberto, do contrato para a prestación integral das áreas de animación socioculturais da área de Xuventude. Nel agrúpanse os programas PreviLugo, Asesorías Xuvenís e Arde Lucus. A convocatoria é para dous anos, prorrogables a dous máis e por un valor máximo estimado para a primeira anualidade de 26.799 euros.

Ademais, acordouse a prórroga por un prazo dun ano do servizo de atención ó público, coordinación e desenvolvemento de actividades socioeducativas nos centros municipais das Casas das Linguas, situadas na estrada da Granxa e na Piringalla e a prórroga por seis meses ou ata a adxudicación do novo contrato do servizo de atención telefónica ós cidadáns 010.

Muralla Dixital

A Concelleira de Economía tamén deu conta do acordo de modificación do proxecto “Muralla Dixital” motivada pola renuncia do Concello de Santiago de Compostela a súa participación no proxecto que conta con financiamento da Unión Europea.

Sonia Méndez explicou que a renuncia do Concello de Santiago, segundo parece por dificultades para facerlle fronte á parte de financiamento que lles correspondía, provocou o atraso do proxecto xa que foi necesario buscar outro socio para que a Unión Europea non rexeitara o programa.

O Concello de Lugo, que lidera este proxecto, resolveu o problema ocasionado pola baixa do Concello compostelán logrando a incorporación ó mesmo da Universidade de Santiago de Compostela, que asinará a súa adhesión o vindeiro venres.

Como consecuencia desta modificación nos socios, o Concello incorpora ó presuposto inicial que tiña asignado para este programa 100.000 euros máis ós que renunciou o Concello de Santiago. Desta maneira, o presuposto total do Concello de Lugo é de 736.500 euros, o 75% procedente de achegas dos fondos FEDER e o 25% restante do propio Concello.

O abeiro deste programa vanse realizar catro obradoiros dotados con 32 bolsas de formación.


Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova