Imprimir

A UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA SÚMASE Ó PROXECTO MURALLA DIXITAL


13/7/2012 O Alcalde e o Vicerreitor asinaron hoxe o convenio polo que a USC se integra no proxecto unha vez que se produciu a renuncia do Concello de Santiago

O Alcalde, José López Orozco, e o Vicerreitor de coordinación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, asinaron hoxe o convenio que regula a adhesión da Universidade de Santiago de Compostela ao proxecto de cooperación transfronteiriza Muralla dixital.

Desta maneira, a USC súmase ao Concello de Lugo, ás cámaras municipais de Valença, Monçao e Melgaço, ao Clúster INEO e ao Centro de Computaçao Gráfica neste proxecto que ten un orzamento total de 1.883.800 euros, dos que 1.412.000 son achegas da Unión Europea, a traveso dos fondos FEDER. Neste proxecto o Concello de Lugo colabora cun presuposto de 736.500 euros e a USC leva a cabo unha achega de 163.500 euros, en ambos casos o 75% pertencen a fondos europeos.

López Orozco, destacou que o Concello de Santiago se deu de baixa neste proxecto e agora “é un honor poder anunciar que a USC se vai sumar a esta iniciativa aportando coñecementos dende un punto de vista da investigación”.

Pola súa parte, García Herradón, manifestou que “a través deste proxecto temos a idea de impulsar a creación dun Centro de Estudos da cidade que nos axude a comprender e recuperar o noso patrimonio”.

Un dos principais obxectivos que persegue o Concello de Lugo co proxecto Muralla Dixital é a valorización e difusión do patrimonio histórico-artístico e arqueolóxico da cidade, a través das novas tecnoloxías da información e da comunicación. Ademais de centrarse na formación e creación de emprego no sector do Patrimonio Cultural, orientado fundamentalmente a mozos/as na procura da súa primeira experiencia profesional, para a súa inserción laboral como traballadores por conta allea en empresas especializadas, ou a través do autoemprego.

Os obradoiros que se van levar a cabo están dirixida a mozos/as de entre 18 e 35 anos, en situación de desemprego e terán unha duración de cinco meses e unha beca. Os contidos destes obradoiros xiran en torno á dixitalización do patrimonio histórico-arqueolóxico da cidade de Lugo, con especial incidencia sobre a Muralla Romana, Patrimonio da Humanidade, utilizando para iso as novas tecnoloxías da información e da comunicación. Teñen un claro compoñente práctico, xa que aínda que existe unha pequena parte teórica, a parte fundamental xira en torno á aprendizaxe no manexo de diferentes ferramentas tecnolóxicas de rexistro, documentación e difusión do propio patrimonio histórico-arqueolóxico lucense. Desta maneira, permitirase xerar unha serie de produtos de difusión cultural relacionados coa historia da cidade de Lugo que serán incorporados aos diferentes produtos tecnolóxicos que se xeren dentro do proxecto “Muralla Digital”.

Este proxecto europeo, que conta cun presuposto total de 1.883.800 euros, ten como obxectivo principal a creación dunha rede de cidades amuralladas de Galicia e Norte de Portugal que aposten pola xestión conxunta para a valorización do seu patrimonio histórico-arqueolóxico a través das novas tecnoloxías da información e da comunicación. O partenariado do proxecto está formado polos seguintes socios: Concello de Lugo (beneficiario principal). Universidade de Santiago de Compostela. Ineo, Asociación Multisectorial de Nuevas Tecnologías de Información y Comunicación. Centro de Computação Gráfica Azurém. Câmara Municipal de Valença. Câmara Municipal de Monção. Câmara Municipal de Melgaço.

www.muralladigital.eu