Imprimir

O CONCELLO DE LUGO INVISTE 29.590 EUROS NA MELLORA DAS INSTALACIÓNS DO CEMITERIO MUNICIPAL


16/7/2012 Francisco Fraga tamén informou que se asinará un convenio coa USC para realizar prácticas no camposanto

O Concelleiro de Servizos Xerais, Francisco Fraga, informou esta mañá da contratación de obras de mellora nas instalacións do Cemiterio Municipal San Froilán. Con esta actuación vanse “realizar unha serie de obras nas cunetas, canos, taxeas e salvapasos que nos permitirán recuperar máis de 1.300 metros das mesmas” segundo manifestou o Concelleiro.

Neste sentido tamén se referiu a que “tamén imos facer tarefas de saneamento nas árbores, especialmente os cipreses, polo que se eliminarán parte das raíces dos mesmos”. O presuposto desta actuación é de 29.590 euros e realizaranse nos próximos meses aproveitando a época de verán.

Convenio con USC
Francisco Fraga manifestou que o Concello segue adiante coa súa tarefa de facer do Cemiterio un foro de cultura a través de diferentes actividades musicais e culturais para a participación dos veciños e turistas.

Neste sentido, adiantou que “se está a traballar na sinatura dun convenio coa Facultade de Humanidades para que os seus alumnos poidan facer prácticas no cemiterio na área relacionada coas actividades e visitas turísticas, e por outro lado, tamén poidan levar a cabo traballos de investigación vinculados á importancia arqueolóxica e histórica do noso cemiterio”. Con esta iniciativa conséguese dar a coñecer o cemiterio dentro do ámbito universitario e que, a súa vez, fagan de reclamo para novos turistas. Fraga tamén lembrou que todas aquelas persoas que teñan interese por coñecer a historia do cemiterio poden realizar visitas guiadas en grupo a través do 010.

Coñeza o Cemitero Municipal San Froilán