Imprimir

OS SERVIZOS SOCIAIS DO CONCELLO LEVARON A CABO NO PRIMEIRO SEMESTRE DO ANO 8.948 INTERVENCIÓNS, UN 33% MÁIS QUE NO 2011


17/7/2012 Ana González Abelleira destacou que “se notou un incremento do número de persoas que solicitan axuda por falta de recursos económicos xa que pasou de 2.348 no 2011 a 3.889 no que vai de ano”

A Concelleira de Servizos Sociais, Ana González Abelleira, presentou esta mañá un balance dos datos recollidos polos técnicos da súa área durante o primeiro semestre deste ano 2012. Neste sentido, destacou que “no que vai de ano fixéronse preto de 9.000 intervencións informativas, seguimento e xestión aos 3.889 solicitantes de axuda o que significa o aumento das necesidades dos veciños e veciñas”.

González Abelleira explicou que “deducimos que os veciños e veciñas de Lugo coñecen os servizos sociais, que se achegan a nós para solventar os seus problemas e que estes aumentan debido á crise económica”. Ademais, segundo se desprende dos datos estatísticos, no primeiro semestre do ano 2012 atendéronse a 896 persoas máis que no 2011, sendo un total de 3.889. As mulleres (66% do total) da zona urbana son as que acuden presentando demanda de intervención sobre insuficiencia de recursos (27.38%) en primeiro lugar (2.348 persoas indican que a súa problemática está relacionada coa escasez de recursos); o segundo é todo o relacionado coas persoas maiores (1.550 persoas solicitaron intervención neste aspecto) e o terceiro deles é o desemprego que foi causa de demanda de 732 persoas o que indica que case o 9% das persoas que acuden aos servizos sociais presentan dificultades por este motivo.

Dende a Concellería de Servizos Sociais fixéronse un total de 8948 intervencións de información, seguimento e xestión (no 2011 foron 5.979 o que supón o 33% máis) polo que se considera que aumentan os problemas derivados das necesidades económicas e o aumento da carga de traballo para o persoal de servizos sociais. Neste sentido, incrementáronse notablemente as intervencións sobre RISGA (1468 de 825) e en menor proporción as intervención sen materia de axuda no fogar e emerxencia social municipal (182 persoas máis que no 2011) que son, e por este orde, as de maior demanda e que xunto con SAAD e xestión de documentación supoñen o 50% das intervencións.

A responsable da área de Servizos Sociais destacou que “dende o Concello podemos coñecer o perfil dos usuarios dos servizos pero para paliar os problemas derivados da situación económica é a Xunta de Galicia que se ten que comprometer cos veciños e veciñas buscando solucións”. Ademais insistiu en que “as políticas sociais e de recortes que se están levando a cabo por parte da Xunta e do Goberno Central non fan máis que agudizar os problemas dos veciños máis desfavorecidos”.