Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Escola Municipal de Música de Lugo ofreceu un concerto didáctico para rapaces dos campamentos urbanos


# Venres, 20/07/2012
Máis de 100 nenos e nenas gozaron hoxe coa música de coñecidas series de debuxos animados

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

Os docentes da Escola Municipal de Música ofreceron un concerto didáctico dirixido a nenos e nenas que nestes días participan en campamentos urbanos na cidade de Lugo. A Escola Municipal de Música de Lugo inicia a súa actividade de difusión con este concerto didáctico dirixido a nenos e nenas que participan en diversos campamentos urbanos. O concerto celebrouse con dous pases no salón de actos do Centro Social Uxío Novoneyra.

Un conto narrado guiou aos pequenos polas diferentes familias de instrumentos musicais que se foron presentando coas súas melodías e sons. Ademais os nenos e nenas gozaron con temas de coñecidas series televisivas de debuxos animados. Uns vinte instrumentistas presentaron os instrumentos das diferentes familias que integran unha formación bandística. Esta presentación serve como avance do que calquera persoa poderá aprender a partir do vindeiro curso na escola municipal de música.

Esta actividade foi organizada dende a propia Escola Municipal de Música de Lugo, dependente da Concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, e ten como obxectivo achegar aos nenos e nenas o coñecemento de compositores, instrumentos e demais aspectos relacionados coa música. Este tipo de accións formativas, que se desenvolverán periodicamente a partir de agora, teñen como obxectivo presentar ante diferentes colectivos a nova Escola Municipal de Música de Lugo e poñer en valor a Banda Municipal de Música.


Aprobación das Taxas no vindeiro pleno extraordinario
A vindeira semana o pleno do Concello de Lugo aprobará as taxas que rexeran para a Escola Municipal de Música de Lugo. A sesión plenaria, de carácter extraordinario, celebrarase o luns 23 ás 10:30 e servirá para ratificar as decisións adoptadas respecto ao regulamento de funcionamento interno e aos prezos que se establecen para a matrícula no centro.


Comezo das obras na Escola Municipal de Música de Lugo
Na vindeira semana comezarán, tamén, as obras nas dependencias do Centro Social Uxío Novoneyra que albergarán as aulas da Escola Municipal de Música de Lugo. As obras teñen un orzamento aproximado aos 100.000 euros. As instalacións ocuparán unha superficie de 332 metros cadrados, repartidos en 14 aulas.

Ademais de 11 aulas de entre 6 e 12 metros cadrados para ensaios individualizados por cada un dos distintos instrumentos, haberá unha aula de ensaio para clases colectivas, de 62 metros cadrados de superficie, unha sala de informática para edición de partituras e unha sala de usos múltiples pensada para ensinanzas musicais que requiran movemento, acondicionada co chan acolchado e espellos nas paredes. Tamén formarán parte das dependencias da Escola de Música o actual local de ensaio da Banda Municipal, así como o salón de actos do Uxío Novoneyra, que acollerá concertos e actuación. Manterase un espazo adicado a sala de exposicións.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova