Imprimir

O CONCELLEIRO DE SERVIZOS XERAIS ANUNCIOU QUE ESTÁN EMPADROADAS NO CONCELLO 99.074 PERSOAS O QUE SUPÓN 510 VECIÑOS MÁIS QUE EN NOVEMBRO DO ANO PASADO


20/7/2012 O Concelleiro de Servizos Xerais anunciou que están empadroadas no concello 99.074 persoas o que supón 510 veciños máis que en novembro do ano pasado

O Concelleiro de Servizos Xerais e Modernización Administrativa, Francisco Fraga, informou hoxe de que a poboación de Lugo segue en aumento e xa nos achegamos ó obxectivo dos 100.000 habitantes, cifra que supón, coa actual lexislación, máis concelleiros e máis participación nos ingresos do Estado.

Segundo informou o Concelleiro, neste momento figuran inscritas no padrón municipal 99.074 persoas, das que 52.530 son mulleres e 46.025 son homes. Esta cifra supón un aumento de 510 veciños máis empadroados en Lugo respecto dos 98.564 que estaban rexistrados en novembro do ano pasado.

Francisco Fraga chamou a atención sobre o feito de que Lugo medre en habitantes cando outras cidades semellantes, como Ferrol ou Segovia, perden veciños.

Dende o 1 de xaneiro ata o 18 de xullo de 2012 déronse de alta no padrón 1.370 persoas procedentes doutros concellos, 300 nenos recentemente nacidos, 159 estranxeiros procedentes do estranxeiro, 68 persoas que nunca estiveran empadroadas en España e 27 persoas de nacionalidade española procedentes do estranxeiro.

O Concelleiro considera que unha das causas deste aumento na poboación de Lugo é a boa oferta de servizos municipais, e mencionou, entre outros, a oferta de prazas nas escolas infantís, a atención ós maiores, os cursos para desempregados e a programación de actividades deportivas.

Programa de saúde infantil

En relación coa poboación infantil, Fraga anunciou hoxe que que o próximo curso escolar o Concello porá en marcha un programa piloto de saúde para os nenos en centros escolares.

O programa comezará en setembro en tres institutos e tres colexios de primaria coa toma de medidas antropométricas dos alumnos co obxectivo de facer un estudo nos niveis educativos de Primaria, ESO e BAC, para o control da obesidade infantil no noso concello. 

Entre os centros que participarán nesta primeira experiencia figuran os IES Anxel Fole, As Mercedes e Lucus Augusti así como os CEIPs Rosalía de Castro e Virxe da Soidade.

Segundo explicou Francisco Fraga, o obxectivo deste innovador programa, é transmitirlles ós escolares a importancia de que adquiran hábitos de vida saudables, tanto no que se refire á alimentación como ó exercicio físico, para combater o aumento da obesidade que, nos últimos anos, aparece cada vez a idades máis temperás. Neste innovador programa van colaborar co Concello tanto os profesores de Educación Física dos centros escolares como a Fundación de Cultura e Deporte.