Imprimir

LUGO ACOLLE, POR PRIMEIRA VEZ, O FIP (FESTIVAL INTERNACIONAL DE PERCUSIÓN)


22/7/2012 Concertos, tamborradas, cursos, obradoiros e construción de instrumentos completan o Festival Internacional de Percusión. Celebrarase os días 27, 28 e 29 de xullo

O Festival Internacional de Percusión que chega a Lugo forma parte dunha rede de cidades de Galiza e Aragón

Lugo será unha das catro cidades galegas que acollerá o FIP. O Festival Internacional de Percusión celebrarase, en Lugo, os días 27, 28 e 29 de xullo e nel haberá obradoiros de percusión, construción de instrumentos, tamborradas e concertos. O FIP será un festival aberto, participativo e interactivo con todos e todas aqueles que queiran participar e achegarse ao mundo da percusión. Todas as actividades terán lugar na Praza de Santa María e as tamborradas percorrerán as rúas do casco histórico da cidade.

O FIP abrirase na praza de Santa María o venres 27, ás 12:00, cun obradoiro sobre percusión galega e bothran impartido polo recoñecido percusionista Dani Riveiro, que ten tocado con músicos da talla de Roi Casal ou Xosé Manuel Budiño. Este obradoiro será aberto a todas as persoas que queiran participar e os organizadores recomendan “achegarse con instrumento, aínda que non é obrigatorio”. O venres, ás 19:00, comezará o primeiro dos obradoiros de tamborrada que servirá como preparación da tamborrada-treboada que resoará polas rúas da cidade ás 21:30 horas. A xornada do venres finalizará co concerto de Rastrexos Project ás 22:30 na Praza de Santa María. Rastrexos Project é un grupo galego-suízo, encadrado na world-music, con unha proposta musical que arranca dende as raíces percusivas africanas ou brasileiras, fusionándose con elementos como o piano, o baixo ou a propia voz.

A xornada do sábado, 28 de agosto, comeza ás 12:00 horas co concerto de Marimba de Pedra que lles achegará aos asistentes o instrumento de placas máis antigo cun repertorio contemporáneo. Este grupo está formado polos percusionistas Oscar Justo e Serxio Suárez. Ás 18:00 comezará a segunda sesión do dos obradoiros de tamborrada que servirá como preparación da tamborrada-treboada que voltará a resoar a partir das 21:30 horas. Odaiko Percussión Group pecharán a xornada cun concerto a partir das 22:30 horas. Odaiko é un dos grupos máis relevantes dentro do panorama percusivo actual que ven de participar no festival de Ortigueira e xa ten percorrido festivais de EEII, Holanda, Bélxica e outros países de Europa e Asía. Odaiko presentará o espectáculo Galician on boara que trasta de musicar as vivencias dun país chamado Galiza e dun personaxe chamado galego.

O FIP rematará o domingo co concerto de Musgalia & Richarda O´Farrel ás 20:30 horas. Pola mañá a partir das 12:00 horas haberá un Lunch concert protagonizado por alumnos do CMUS Lugo (Conservatorio Profesional de Música de Lugo) e do grupo Ke Percussión. Segundo explican os organizadores “todos os festivais FIP reservan un apartado para os novos valores”. No caso de Lugo serán dúas as formacións convidadas o CMUS Lugo e o grupo Ke Percussión procedentes do Conservatorio de Música de Vigo.


O FIP, unha rede entre Galiza e Aragón
O FIP– Galiza chegará tamén as cidades de Pontevedra, os días 13, 14 e 15 de agosto, A Golada, os días 8, 9, 10, e 11 de agosto, e Santiago de Compostela os días 3 e 4 de agosto, na edición deste ano. O FIP – Galiza organízase en rede con FIP-Aragón que este ano celebrarase nas cidades de Zaragoza, Huesca e Teruel. O Festival Internacional de Percusión naceu dunha idea xurdida entre a compañía Nova Contemporánea de Zaragoza, que dirixe o catedráticos de percusión Cesar Peris, e do grupo galego Odaiko Percussión Group durante o VI Curso Internacional de Percusión Merza 2011. Neste ano o FIP levará a preto dunha vintena de grupos a un total de 6 cidades galegas e aragonesas.


Máis información en: www.fip.org.es