Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A Praza e o Mercado de Lugo disporán dunha páxina web que facilitará ós praceiros a venda das súas mercadorías por Internet


# Martes, 24/07/2012
Sonia Méndez agradece o traballo dos funcionarios municipais nun momento no que son vítimas do acoso e os recortes do PP

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

A Concelleira de Economía anuncia un proxecto pioneiro para dinamizar a Praza de Abastos e o Mercado Quiroga Ballesteros que se financiará con fondos do Plan Urban

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, anunciou hoxe a creación dun portal web da Praza de Abastos e o Mercado Quiroga Ballesteros. Trátase dun proxecto pioneiro que financiará o Plan Urban e que terá como complemento a posibilidade de vender as mercadorías por Internet.

Sonia Méndez explicou que este proxecto enmárcase nas accións de apoio ó comercio local que leva a cabo o Concello de Lugo grazas ó Plan Urban, que conta con cofinanciación ó 80% da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Dentro das actuacións de desenvolvemento do tecido económico e de apoio á actividade empresarial, o Goberno local ten previsto aprobar este xoves a contratación do proxecto que incluirá unha web para os 70 postos da Praza de Abastos e o Mercado municipal de Quiroga Ballesteros e tamén facilitará o servizo de venda electrónica para os 16 praceiros que manifestaron o seu interese en empregar este novo canal para a comercialización dos seus produtos.

A Concelleira de Economía explicou que “con este portal web queremos dinamizar a Praza de Abastos e o Mercado municipal, colaborando na difusión dos postos do mercado ó tempo que contribuiremos a promocionar os produtos de Lugo, como xa fixemos co anterior proxecto do Plan Urban de distribución de embalaxes para a venda de mercadorías do país”.

Ademais do deseño do portal web da Praza e o Mercado, o proxecto contempla a formación de 18 persoas na especialidade de técnicos en tecnoloxías web, nas que se dará prioridade a desempregados e a persoas que traballen ou teñan algunha relación familiar con titulares dos postos que van realizar comercio electrónico.

Tocante ó portal web, a páxina principal incluirá información sobre a historia, a localización da Praza e o Mercado e da relación de empresas instaladas neles, neste momento son 63 os postos ocupados pero poden ser ata un máximo de 70, polo que se prevé a posibilidade de que poida figurar información de todos eles. Tamén aloxará a tenda virtual individual de cada un dos 16 postos que venderán por Internet as súas mercadorías cun catálogo máximo de cen produtos, e darase a posibilidade de que poidan emitir facturas.

Ademais do deseño da web, este proxecto inclúe a identificación de empresas radicadas fóra de Galicia, como restaurantes galegos, que poidan ter interese nos produtos da terra que se venden na Praza e no Mercado de Lugo e a elaboración dun plan de comunicación dirixida a dar a coñecer as mercadorías que se venden nas dúas instalacións municipais.

O presuposto do proxecto é de 77.172 euros e está previsto que a adxudicación se produza aproximadamente no mes de setembro, segundo avanzou Sonia Méndez. Unha vez adxudicado o proxecto, a empresa disporá dun prazo de seis meses para levalo a cabo.

www.lugo.es/urban


Recoñecemento ó traballo dos funcionarios do Concello

Na presentación deste proxecto, a Concelleira de Economía aproveitou para agradecer o traballo dos funcionarios municipais que, pese á ausencia de persoal por mor das vacacións de verán e aínda que o PP pon en entredito o seu labor e lles suprime a paga extra de Nadal, están a tramitar numerosos expedientes tan complexos coma este e, co seu labor, facilitan que a Xunta de Goberno Local aprobe, cada semana, unha media de 20 asuntos.

“Quero facer un recoñecemento ó traballo, tan denostado nos últimos tempos polo Partido Popular, dos funcionarios públicos, en especial dos funcionarios municipais, ós que agradecemos o seu esforzo porque, a pesar dos recortes dos que son vítimas, non reduciron para nada ó seu traballo, ó contrario, como digo, están a dar o callo máis que nunca en beneficio do municipio de Lugo e dos lucenses mentres se ven interrompidos día si e día non polos membros do Partido Popular que acuden ás súas oficinas para facerse unha foto”, manifestou Sonia Méndez.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova