Cargando....
Concello de Lugo
13/11/19
NOVAS
Escoita esta páxina

Bando Día Nacional de Galicia


# Mércores, 25/07/2012


O Concello de Lugo únese hoxe a todo o pobo galego na celebración do Día Nacional de Galicia. Esta é a festa grande para todas as persoas que nos sentimos galegas, tanto no caso das que temos a fortuna de residir no país como das que se viron obrigadas a marchar da terra, pero non renegan das súas raíces.

O Día Nacional de Galicia é unha xornada para festexar a nosa existencia como pobo, e na que convén que todos os galegos e galegas nos deteñamos a reflexionar sobre aqueles sinais da nosa identidade que son os que nos definen como pobo. Estes son unha valiosa herdanza que recibimos dos maiores, sobre a que debemos construír o noso futuro.

Hoxe é, polo tanto, algo máis que un día de festa. Tamén é un momento no que debemos pararnos a pensar no legado que lle queremos deixar a quen nos suceda.

Nesta data, todos os galegos e galegas temos a obriga de honrar a todas aquelas persoas que dedicaron os seus esforzos ao mantemento da nosa lingua e do noso pobo, porque lles debemos algo de tanta importancia como é a lingua.

O galego é moito máis que un símbolo, xa que a palabra é o don que temos as persoas, permítenos representar o mundo, exteriorizar os nosos sentimentos e darlle nome tanto ás demais persoas como ás cousas. Grazas á nosa lingua, podemos entender e explicar o mundo dende o noso propio punto de vista. E así queremos que siga sendo. Xa deixou dito Castelao que a nosa lingua vive porque aínda temos moito que dicir nela.

E, neste Día de Galicia, é obrigado, tamén, apostar polo pobo. Vivimos unha época chea de incertezas, moitos galegos e galegas están a sufrir importantes dificultades pola situación da economía e, de novo, moita xente vese obrigada a emigrar.

Por todo iso, dende o Concello de Lugo defendemos que este non é momento nin para a pasividade nin para a indiferenza, e queremos facer un chamamento á solidariedade con quen peor o pasa e para unir os nosos esforzos na defensa de Galicia.

Nós, como lucenses, expresamos hoxe, novamente, o noso compromiso coa nosa lingua, coa nosa cultura e coa nosa xente, e declaramos, neste Día de Galicia, que non deixaremos de loitar polo noso dereito a vivir con plenos dereitos na nosa terra.



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova