Imprimir

O CONCELLO DE LUGO XA DISPÓN DE ESCUDO E BANDEIRA OFICIAIS


26/7/2012  

O Concello de Lugo xa ten escudo e bandeira oficiais, unha vez que lles deu o visto e prace hoxe o Consello da Xunta.

O escudo e a bandeira autorizados hoxe convértense en símbolos oficiais da cidade, e establécense como tales despois de que a Xunta obrigara a todas as localidades a legalizar os seus símbolos e logo de que a Corporación encargara un estudo sobre o orixe e a evolución das armas da cidade, dado que o escudo que ata o momento representa a Lugo, que foi aprobado durante a ditadura, nunca chegou a ser oficial.

O Pleno do Concello de Lugo, en sesión celebrada o día 30 de xuño de 2008, aprobou inicialmente a modificación do escudo e da bandeira municipais nos termos do estudo-memoria que lle fora encargado en marzo do mesmo ano ó especialista en heráldica Eduardo Pardo de Guevara y Valdés.

Este especialista resolveu os erros no deseño do anterior escudo e representou os distintos elementos que o compoñen atendendo os criterios da heráldica. Deste xeito o escudo terá fondo azur (azul), presidido por unha torre principal adornada cun torreón en cor prata (branco). As portas e as ventás ensínanse fechadas en gules (vermello), un esmalte que é diferente ó do castelo. A torre principal está rodeada por dous leóns fronte a fronte de ouro (amarelo, linguados e armados, coas gadoupas tintadas en gules diferente á cor do seu corpo.

O escudo representa por riba da torre, sen tocala, un cáliz de ouro coa Hostia de prata, radiante de ouro. O cáliz aparece franqueado por dous anxos coas mans xuntas en actitude de orar, que se representan sobre nubes. Orredor, a bordura de prata coa divisa “Hoc hic mysterium fidei firmiter profitemur” (Aquí, con fe firme, confesamos este misterio) en letras de sable (negro). O conxunto remátase na parte superior cunha coroa real pechada.

En canto á bandeira de Lugo, sobre pano branco aparece o escudo da cidade sostido por dous leóns erguidos fronte a fronte de amarelo, linguados e con elementos en vermello.

A proposta de aprobación do escudo e da bandeira de Lugo ten a súa xustificación no feito de que os símbolos das entidades locais son a primeira imaxe que un cidadán percibe delas, xa que as identifican e diferencian. Tamén se tivo en conta que a determinación e definición dos símbolos non debe ser algo irreflexivo e que responda a cuestións de índole arbitraria ou caprichosa, senón que debe derivar dun estudo serio e pormenorizado, tendo en conta feitos históricos, culturais e significativos do territorio que representan.

Por este motivo, o Concello encargoulle en marzo de 2008 un traballo e proposta da bandeira e escudo de Lugo ó estudoso Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, que é o Delegado en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas e Director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

Os símbolos que aprobou hoxe a Xunta de Galicia veñen sustituír ós que viña empregando o Concello que procedían da época franquista. O escudo fora aprobado en 1957 polo Ministerio da Gobernación e colocado posteriormente na bandeira da cidade.