Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Goberno local acorda contratar o portal web para a Praza de abastos e o Mercado municipal de Quiroga Ballesteros


# Xoves, 26/07/2012
 

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

A Xunta de Goberno Local tamén concedeu a terceira licenza para a instalación dunha empresa no parque das Gándaras e decidiu poñerlle penalizacións á adxudicataria da construción da nova sede da Policía Local polos atrasos na obra


O Goberno local aprobou hoxe a contratación do portal web para a Praza de abastos e o Mercado municipal de Quiroga Ballesteros. A decisión, que xa avanzara a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, tomouse na xuntanza que celebrou este xoves a Xunta de Goberno Local, da que informaron en rolda de prensa o Alcalde accidental, Antón Bao, e o Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez.

Álvarez explicou que o obxectivo deste proxecto, que se vai financiar con fondos do Plan Urban, é contribuír á dinamización do comercio local e dos postos instalados na Praza e o Mercado, así como axudar á promoción dos produtos da terra. O valor estimado do contrato ascende a 77.172 euros, IVE incluído, dos que 10.620 son para o proxecto Formación ocupacional comercio que consta de 100 horas de formación e 66.552 para o proxecto Praza de Abastos que inclúe a realización do Portal Empresarial e a incorporación de postos á venda electrónica.

O Concelleiro de Urbanismo tamén informou da concesión da terceira licenza para a instalación dunha empresa pinturas no parque das Gándaras e lembrou que o Goberno local concede bonificacións do 50% do importe do imposto de construcións, instalacións e edificacións a todas as firmas que se instalen no novo polígono co obxectivo de atraer empresas e de xerar postos de traballo en Lugo. O presuposto previsto para a construción desta nave é de 230.581 euros e o prazo máximo da obra, de 30 meses.

Na Xunta de Goberno celebrada hoxe tamén recibiu o visto e prace á solicitude feita pola empresa Decathlon para a modificación da urbanización exterior, na zona de aparcamento, e da distribución interior da nave para uso comercial no mesmo parque empresarial.


Outro acordo destacado que tomou hoxe o Goberno local é a imposición de penalidades polo incumprimento das obrigas asumidas polo contratista do novo edificio da Policía Local e de Protección Civil polo importante atraso que se produciu na execución da obra.

O Concelleiro de Urbanismo explicou que a decisión tomouse na defensa dos intereses públicos, xa que a obra debía terse rematado o 6 de agosto de 2011 e non se deu por terminada ata o 27 de marzo de 2012.

Esta obra sairá a licitación cun prazo máximo de execución de 15 meses e a empresa adxudicataria ofreceu facela en 11 meses. Ese foi un dos criterios que se tivo en conta á hora de facer a adxudicación co que, o importante incumprimento no prazo ofrecido, supón un fraude respecto a outras empresas licitadoras que puideron efectuar unha proposta de prazo máis axustada á realidade. Por este motivo, o Concello decidiu impoñerlle penalidades á adxudicataria por un importe total de 55.392 euros.

A Xunta de Goberno acordou, tamén, a execución da sentenza do TSXG que revocara parcialmente a sentenza anterior do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo que declarara nulas as licenzas dadas na Ronda da República Arxentina, 8 e, ademais, acordouse o desestimento da licitación de dous vehículos e a apertura de novo do procedemento de licitación. Trátase dun camión cisterna de emulsión asfáltica e un vehículo radio patrulla para a Policía Local que volven saír a licitación trala corrección dun erro de transcrición na memoria técnica da convocatoria anterior.


Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova