Antón Bao, que asumiu hoxe as funcións de Alcalde, anunciou a posta en marcha dun plan de promoción turística do Concello de Lugo e das festas do San Froilán. Instalaranse un total de dez paneis en sete cidades e vilas con información sobre os atractivos turísticos do Concello de Lugo e sobre as festas de San Froilán. A colocación farase en lugares céntricos e transitados e, na maior parte dos casos, segundo informou Antón Bao, “a colocación dos paneis turísticos, nas diferentes cidades, faise coincidir con celebracións festivas buscando chegar ao maior número de persoas”. Antón Bao sinalou que “esta campaña tamén servirá como escaparate para atraer visitantes ás que son as mellores festas do outono galego, as festas do San Froilán”.
A campaña comezou nas festas de Santiago de Compostela e trasladarase a partir de hoxe, 26 de xullo, e ata o 11 de agosto á cidade de Ferrol. Bao lembrou a estreita relación entre a cidade de Lugo e a cidade departamental que todos os anos se materializa na chegada a Lugo, durante as festas de San Froilán, dunha comitiva presidida polo alcalde ferrolán. A campaña permanecerá en Monforte, coincidindo coas festas patronais, entre o 11 e o 20 de agosto. Trasladarase despois a Viveiro, coincidindo coa celebración do San Roque, entre o 20 e o 27 de agosto para despois chegar a Pontevedra, coincidindo coa Feira Franca, entre o 27 agosto e o 3 de setembro. Outro dos destinos nos que se achegará a promoción será Ribadeo, durante as festas patronais, entre o 3 e o 10 de setembro. Tamén se fará promoción na cidade de Ourense entre o 10 e o 23 de setembro. O percorrido rematará en Lugo onde se instalarán os paneis dende o 23 de setembro ata o remate das festas do San Froilán.
Os dez paneis promocionais están rotulados por ambas caras e teñen unhas dimensións de 2 m. de alto x 1 m. de ancho. Pola súa distribución permiten adoptar diferentes configuracións para adaptalos aos diferentes espazos nos que se situen.
Datos de turismo
Bao fixo tamén un balance dos datos de turismo deste primeiro semestre. Uns datos que indican que Lugo se mantén no número de turistas que se incrementaron en preto de 300 turistas con respecto ao ano 2011 no período ata o 24 de xullo. Antón Bao valorou estes datos como “non moi negativos” tendo en conta a situación que se está a vivir e destacou que non houbo perdas no número de turistas a pesares do que se podía esperar neste contexto.
DATOS TURISMO:
2011 | 2012 | |
MAIO | 2939 | 3058 |
XUÑO | 3621 | 3242 |
XULLO (ATA O 24) | 3386 | 3376 |
TOTAL (ATA O 24 de xullo) | 17143 | 17432 |
www.sanfroilan.info www.lugoturismo.com