Imprimir

O CONCELLO DE LUGO TEN UN SUPERÁVIT DE 5,8 MILLÓNS DE EUROS, CASE 60 EUROS POR HABITANTE


27/7/2012 O prazo medio de pago a provedores baixou a 52 días en 2011

A Concelleira de Economía destaca que a situación financeira do Concello é positiva, a pesar da crise, froito dunha xestión prudente

O Concello acabou 2011 con 5,8 millóns de euros de superávit. É un dos datos da Conta xeral que se vai presentar na sesión plenaria de Corporación municipal do mes de setembro, segundo anunciou a Concelleira de Economía trala reunión que celebrou hoxe a Comisión de Contas.

Méndez explicou tamén que o superávit por habitante é de case 60 euros. Outro dato destacado da Conta xeral do Concello de Lugo do 2011 é a redución de 60 a 52 días no período medio de pago ós provedores.

No pasado exercicio tamén medrou o gasto por habitante, que pasou dos 941 euros do ano 2010 a 1.007 euros no 2011. Este aumento debeuse, segundo explicou a Concelleira de Economía, ó incremento nos investimentos procedentes do Plan Urban e do Plan E.

Outros datos positivos que reflicte a Conta xeral son o aumento na execución dos gastos presupostados que pasou do 66%, en 2010, ó 77% o ano pasado, e, tamén, a realización de pagos que medrou do 88%, no ano anterior, ó 91% de 2011.

O único aspecto no que se aprecia o efecto da crise na Conta xeral do Concello, segundo explicou a responsable de Economía, é a recadación efectiva que diminuíu nun punto ó pasar dun 87% no ano 2010 ó 86% do pasado exercicio. Aínda así, Méndez destacou que a baixada foi só dun punto e mantense en taxas moi elevadas pese ás dificultades que atravesan as familias.

A Concelleira de Economía salientou que, a pesar dos efectos da crise, o Concello de Lugo mantivo en 2011 os datos positivos que lle permiten contar cunha situación saneada, neste momento no que tantas administracións teñen dificultades económicas e moitos concellos se viron obrigados a acudir ó mecanismo de financiamento establecido polo Goberno para facerlle fronte ós pagos pendentes ós provedores.

Sonia Méndez considerou que estes bos resultados son consecuencia de que o Goberno local fixo “unha xestión prudente e eficaz dos recursos escasos dos que dispoñemos” e anunciou que se vai continuar na mesma liña de prudencia no gasto, porque “a situación non está para moitas alegrías e as transferencias do Estado e da Xunta minguan cada ano”.  

“As contas reflicten unha situación saneada, pero iso non quere dicir que nos poidamos permitir alegrías, é importante que cada euro se adique ó que este Goberno local considera prioritario que é, principalmente, o gasto social”, manifestou a Concelleira de Economía.

Méndez destacou tamén que “conseguimos importantes aforros, cunha redución orzamentaria, des que comezou a crise, de máis de 10 millóns de euros do orzamento, iso é o que nos permite falar hoxe dunha situación saneada e somos dos poucos concellos que non temos que acudir ó préstamos establecido polo Estado para pagar ós provedores, mantemos a liquidez, as nóminas se pagan puntualmente e os provedores do Concello tamén cobran puntualmente”.

Os aforros dos que dispón o Concello facilitan que dispoña dun importante remanente de tesourería, polo que este ano o Goberno local decidiu, como se sabe, empregar parte dese remanente a financiar investimentos e non vai contraer ningún préstamo, a pesar de que o nivel de endebedamento de Lugo está case 20 puntos por debaixo do tope establecido polo Estado para poder acudir á vía do crédito.

Resposta ó PP

Sonia Méndez tamén saíu ó paso das afirmacións do Partido Popular que lle atribúe ó Concello un déficit de 11,5 millóns de euros, cando os datos oficiais reflicten que o 2011 pechou con 5,8 millóns de superávit.

“O PP sabe perfectamente, e así llo ten explicado o Interventor en numerosas ocasións, que tal como reflicte a Liquidación orzamentaria, o resultado presupostario, é dicir, a diferenza entre ingresos e ingresos, ten un saldo positivo ou superávit de 5.841.367 euros”, manifestou a Concelleira de Economía.

Sonia Méndez explicou que o déficit do que fala o PP débese a que só ten en conta os datos que figuran nos capítulos do 1 ó 7 do presuposto e non computa os aforros que figuran no capítulo 8 no que se inclúen os remanentes de tesourería dos que dispón o Concello de Lugo.