Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O mércores quedará cortada ao tráfico a ponte romana polo comezo das obras de rehabilitación


# Luns, 30/07/2012
A circulación no viaducto estará cortada durante o tempo que duren os traballos e o acceso ao barrio terá lugar pola nova ponte e a través de viais alternativos sinalizados

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O corte de tráfico durará uns dous meses, nos que se tentará manter un paso a pé pola ponte

Durante os meses de agosto e setembro non se poderá circular pola ponte romana como consecuencia do comezo dos traballos de rehabilitación do viaducto romano. A concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira, informou esta mañá de que o corte afectará ao tráfico rodado e durará uns dous mese. A ponte quedará pechada ao tráfico a partir deste mércores, día 1 de agosto.

O corte forma parte do proxecto de execución de traballos de rehabilitación da vella ponte, que terá unha duración de catro meses e devolverá ao viaducto o seu aspecto orixinal. Durante este tempo faráse o posible por manter un paso a pé pola ponte que facilite a mobilidade aos veciños do barrio, segundo indicou hoxe Paz Abraira.

O Plan de Tráfico que se levará a cabo durante o tempo que duren os traballos foi consensuado coa Asociación de Veciños do barrio e adoptaránse unha serie de medidas para garantir o servizo de bus urbano, taxi e o acceso para os veciños ao barrio. A partir de mañá estarán sinalizados os accesos alternativos para os vehículos dos residentes, que empregarán fundamentalmente a nova ponte e a Estrada Vella de Santiago como acceso principal ao barrio.

As previsións feitas para o mantemento do transporte urbano durante a execución das obras materializarase do seguinte xeito:

1.- A parada de taxi que se ubica na esquina da rúa Fermín Rivera coa Estrada Vella de Santiago trasládase de forma provisional durante o tempo que duren as obras para o Paseo Álvaro Cunqueiro.

2.- Co fin de facilitar a mobilidade dos usuarios do bus urbano será habilitada unha parada no fondo da Rúa Santiago (tramo da Volta da Viña) e outra na Estrada Vella de Santiago (cruce coa Estrada de Portomarín).

3.- O acceso ao colexio da Ponte, incluído o transporte escolar, garántese a través da Estrada Vella da Ponte e do Paseo Álvaro Cunqueiro.

Non estará autorizado o acceso rodado ao Clube Fluvial e para os residentes en Fermín Rivera garántese o acceso pola estrada de Orbazai e polas rúas Iglesias Otero, rúa Vella da Ponte e Pontegaos.

As obras foron aduxudicadas á empresa Misturas S.A, con sede en Ourense, por un importe de 688.048,56 € e un prazo de execución de 113 días (4 meses), obténdose polo tanto unha baixa de 261.901.44 € sobre o prezo do contrato (27% menos) e unha redución do prazo de execución de 2 meses. Para a execución destas obras presentáronse 21 empresas, das que 3 foron excluidas por non presentar a documentación administrativa requerida. 3 delas estaban en baixa temeraria polo prezo. O Ministerio de Fomento financiará o 75% da obra con fondos do 1% Cultural e o Concello porá o 25% restante.

Será necesario achicar o caudal do río mediante ataguías

A rehabilitación da vella ponte romana de Lugo executaráse neste verán e servirá para que o viaducto recupere a súa imaxe orixinal. Os traballos consistirán na retirada dos elementos engadidos en reformas posteriores e na substitución das canalizacións e do cableado que hoxe cruza pola ponte.

Será necesario achicar o caudal do río mediante ataguías para poder actuar sobre as pilastras orixinais da época romana. A ponte está cimentada directamente sobre a pena que aflora nesa entreseca do río Miño e debido a enchentas e acometidas do río algúns dos sillares sufriron deterioro co paso do tempo que é preciso reparar.

Está previsto asemade baixar a rasante de entrada á ponte dende a Volta da Viña, co que se mellorarán os accesos á Calzada da Ponte, ao Balneario e ao Paseo do Miño. O proxecto contempla tamén retirar a actual estrutura metálica colocada nos anos 70 para ensanchar a ponte e colocar barandas de sillería. Tamén se cambiará o pavimento, que volverá a ser de pedra posta de punta, tal como era orixinalmente. Ao mesmo tempo, aproveitarase para renovar todas as canalizacións de auga, luz, gas e telefonía que dan servizo ao barrio da Ponte e que actualmente cruzan polo viaducto, que pasarán a ir agochadas.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova