Imprimir

LUGO CELEBRARÁ O SEU CONCURSO DE TAPAS DO 14 AO 30 DE SETEMBRO


1/8/2012 Os bares e restaurantes da cidade participarán na 8ª edición deste concurso gastronómico que este ano organizará a Asociación de Hostalaría en colaboración co Concello

Antón Bao destaca a alta participación da pasada edición, na que se serviron 42.000 tapas e se xerou un volume de negocio de máis de 100.000 euros

Os bares e restaurantes de Lugo despregarán toda a súa creatividade dende o 14 ao 30 de setembro no 8º Concurso de Tapas. O certame gastronómico foi presentado esta mañá polo tenente alcalde e responsable de Turismo, o nacionalista Antón Bao, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría, Cheché Real.

Antón Bao destacou o “enorme éxito” da pasada edición deste concurso gastronómico, na que participaron 40 bares e restaurantes da cidade e se serviron 42.000 tapas acadando un volume de negocio de máis de 100.000 euros. O tenente alcalde insistiu en que este certame revelouse como un importante dinamizador da gastronomía lucense e dixo que iniciativas coma esta “teñen un importante retorno na economía da cidade”. Bao animou de novo aos establecementos da cidade a participar e convidounos a seguir mellorando día tras día “para facer de Lugo un lugar de excelencia gastronómica”.

Como novidade este ano, da organización do Concurso de Tapas pasan a encargarse os propios hostaleiros a través da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría, mentres que o Concello de Lugo aportará 15.000 euros para a promoción e difusión do certame.

Aberto o prazo de inscrición

Tamén como novidade, este ano non haberá límite de inscrición e poderán participar todos os establecementos que o desexen. O prazo para se apuntar comeza hoxe e estará aberto ata o 14 de agosto. O prezo das inscricións serán de 100 euros para os establecementos pertencentes á APEHL e de 300 para o resto.

Cheché Real detallou tamén cales serán as distintas modalidades do Concurso nesta edición, na que o primeiro premio será escollido por votación popular entre as puntuacións depositadas polos clientes nos distintos establecementos participantes. Un xurado especializado premiará despois a mellor tapa tradicional, a mellor tapa creativa, a mellor tapa maridada con viño da Ribeira Sacra, a mellor tapa maridada con cervexa Estrella Galicia, a mellor tapa elaborada con produtos de agricultura ecolóxica e a mellor tapa sen gluten.