Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O luns 6 reúnese a comisión de planeamento co equipo redactor para comezar a redacción do 5% que falta por aprobar do PXOM


# Mércores, 01/08/2012
O Concelleiro de Urbanismo destacou que “a idea que barallamos todos os grupos é poder aprobar o que falta do plan no pleno do próximo mes de outubro”

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O alcalde en funcións, o nacionalista Antón Bao, mostra o “desacougo e profunda preocupación” do Goberno municipal do Concello de Lugo diante da posible desaparición das conexións ferroviarias entre A Coruña-Lugo e Monforte

Bao reclama investimentos para facer do ferrocarril un medio de transporte competitivo e comparou: “de Madrid a Valencia, que son 400 quilómetros, leva o mesmo tempo que chegar de Lugo á Coruña e iso non se sostén”


O Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, informou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local que o próximo luns día 6 de agosto se reunirá a comisión de planeamento co equipo redactor do Plan para iniciar os estudos previos á redacción final do documento.

Neste sentido, Luis Álvarez, manifestou que “temos a intención de seguir traballando como ata agora para poder aprobar este 5% que falta do PXOM no pleno ordinario de outubro” ademais de que “é imposible pedir unha maior celeridade da que ven demostrando ter o Concello de Lugo”.

Con respecto á tramitación da parte pendente de aprobación do PXOM, Álvarez, matizou que se levaron a cabo tres reunións co acordo unánime dos tres grupos políticos e nos que se estudaron a totalidade dos núcleos rurais e tamén se plantexaron as liñas mestras do que son os urbanizables pendentes de aprobación. “O Concello revisou todo o que tiña que revisar e non só unha parte como se dixo dende a Secretaría Xeral de Urbanismo” aclarou Luis Álvarez que lembrou a reunión que se mantivo na Xunta o 24 de abril “e na que nos dixeron que nunha semana recibiríamos unha chamada para estudar toda a documentación que se lles entregou nesa reunión, pero aínda estamos agardando por esa chamada”.

Acordo Xunta Goberno Local
O responsable da área de Urbanismo informou dos temas aprobados na Xunta de Goberno Local do que destaca a incoación do expediente de resolución do contrato asinado coa adxudicataria pola demora na comprobación do replanteo da estrada de Argonde a Vilachá. A sinatura do contrato foi realizada o 11 de maio de 2012 e, a pesar de que se atendeu a solicitude de ampliación do prazo ata o 18 de xullo, na actualidade aínda non consta que fora asinada a acta de comprobación do replanteo o que constitúe unha das causas de resolución do contrato prevista na Lei.

Lugo sen comunicación ferroviaria
O alcalde en funcións, o nacionalista Antón Bao, acusou hoxe a Mariano Rajoy e a Alberto Núñez Feijóo de privatizar Renfe e deixar sen trens a Lugo. Bao mostrou esta mañá logo da Xunta de Goberno Local o “desacougo e profunda preocupación” do Goberno municipal diante da posible desaparición das conexións ferroviarias entre A Coruña-Lugo e Monforte.

Bao dixo que a situación ferroviaria na que se atopa Lugo “retrotráenos a mediados do século XIX, tempo no que a Lugo non chegaba ningún tren”. O alcalde en funcións demandou “a necesidade de servizos rexionais e de cercanías” e tamén de máis frecuencias e conexións tanto con Madrid e Barcelona como co resto de cidades galegas e reclamou “os investimentos necesarios para acometer unha modernización das conexións ferroviarias de Lugo”. “Como vai ser competitivo e ter usuarios o tren se entre Lugo e A Coruña tárdase o mesmo que entre Madrid e Valencia, que distan 400 quilómetros”, preguntouse.

Antón Bao denunciou que a liña A Coruña-Lugo-Monforte é das máis “abandonadas” de todo o Estado e que “con vontade política e moi pouco investimento, podería sacárselle moito máis rendemento á rede de ferrocarril existente”. Explicou que coa mellora acometida nos últimos anos no itinerario Ourense-Lugo-A Coruña, ao abeiro dun convenio asinado en 1998 entre o Ministerio de Fomento e Xunta de Galicia para a mellora da rede ferroviaria interior da comunidade, “tecnicamente sería posible chegar dende Lugo á Coruña e a Ourense nunha hora se houbese os trens axeitados. Hoxe en día leva o dobre”, denunciou Antón Bao. Os traballos acometidos na catenaria, coa renovación das travesas, a mellora do trazado e das curvas e a supresión de pasos a nivel, permitirían un bo rendemento se non fose porque “os trens son os máis vellos do Estado”, queixouse.

Unha liña de cercanías entre Guitiriz, Rábade, Lugo, Sarria e Monforte

Para exemplificar o abandono desta liña por parte de Renfe, Antón Bao lembrou que a viaxe en tren entre Lugo e Coruña ou entre Lugo e Ourense, distantes tan só 100 quilómetros, dura máis de hora e media, o mesmo que o traxecto en AVE entre Madrid e Valencia, que distan 400 quilómetros, comparou.

Bao reclamou servizos de cercanías tanto coas outras cidades galegas como coas principais vilas da provincia. Para iso, reclamou a transferencia a Galiza das competencias ferroviarias no interior do noso país e a creación dunha compañía ferroviaria galega como existe xa noutras comunidades como Cataluña, para artellar a través desta compañía ferroviaria galega unha rede de ferrocarril de cercanías entre as principais vilas da provincia de Lugo. Esta liña atravesaría a provincia de norte a sur dende Guitiriz a Monforte a través de Rábade, Begonte, Lugo e Sarria e con prolongacións a Quiroga e O Barco. “Lugo ten as características apropiadas para que funcione un tren de cercanías con Sarria, Monforte, Guitiriz, Rábade, Quiroga e o Barco”, dixo Bao.

Feijóo eliminou as subvencións ao ferrocarril

Por último, Antón Bao acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de ser “cómplice” da decisión de Rajoy de privatizar Renfe. Bao lembrou que Feijóo decidiu no ano 2011 deixar de subvencionar as liñas de ferrocarril no interior de Galiza para manter os servizos considerados deficitarios, entre os que se atopaba a liña A Coruña-Lugo-Monforte, unhas achegas duns tres millóns de euros que se viñan dando anualmente dende a década dos 90.

Feijóo tamén deu marcha atrás na creación dunha compañía ferroviaria galega. Explicou que no ano 2009 o Goberno bipartito da Xunta dera os primeiros pasos para a creación deste ente ferroviario galego así como para lograr a transferencia a Galiza por parte do Estado das vías en desuso como consecuencia da entrada en funcionamento das liñas do AVE, coa finalidade de pór en marcha unha rede de cercanías. Coa chegada de Feijóo á Xunta eses plans foron paralizados.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova