Antón Bao anuncia unha campaña de promoción do San Froilán nas etapas da Vuelta Ciclista a España
A segunda quincena de xullo foi a época, no que vai de ano, na que a cidade de Lugo recibiu máis turistas cunha media de 239 visitas diarias. Un total de 4.742 persoas dirixíronse á Oficina Municipal de Turismo, situada na Praza do Campo, para demandar información sobre a cidade, segundo os datos facilitados hoxe polo responsable de Turismo, e alcalde en funcións, Antón Bao.
Os datos revelan, segundo Antón Bao, “un lixeiro incremento no número de visitantes no que vai de ano (1,6%) respecto ás mesmas datas do pasado ano”. De xaneiro a xullo visitaron a oficina de turismo da cidade 18.798 persoas, 303 máis que no primeiro semestre de 2011. A pesar de que non se reduciu o número de visitantes si que se reduciron as estadías e o gasto dos turistas durante as súa estancia na cidade. Esta redución está motivada pola crise económica, que reduce o poder adquisitivo das familias e frea os desprazamentos vacacionais.
Por meses, xullo foi ata o de agora o mes con máis turistas (4.742), seguido de abril (3.425), por coincidir neste mes este ano a Semana Santa, na que visitaron a cidade de Lugo 1.677 turistas que pasaron pola Oficina Municipal de Turismo a solicitar algún tipo de información. O ano 2011 pechouse cun total de 36.379 visitantes, unha cifra á que a área de Turismo, que dirixe o nacionalista Antón Bao, espera achegarse este ano.
Antón Bao salientou sen embargo, en consonancia co que veñen detectando os hostaleiros e as axencias de viaxes, que a crise económica está reducindo as estancias e o gasto medio dos turistas. Como exemplo puxo un dato: no que vai de ano nos museos que dependen do Concello vendéronse 1.200 entradas menos que no mesmo período do pasado ano (11.812 de xaneiro a xullo de 2011 e 10.615 de xaneiro a xullo de 2012). O Museo que segue tendo máis visitas segue a ser a Casa dos Mosaicos, por diante do Centro de Interpretación da Muralla e do Museo de Porta Miñá.
O prototipo de turista que visita Lugo é o de unha parella de mediana idade procedente doutra comunidade do Estado español que ven a Lugo sen os fillos. Segundo explicou Antón Bao, 8 de cada 10 turistas que veñen á nosa cidade fano por libre, é dicir, pola súa conta e sen viaxe organizada, mentres que 2 de cada 10 fano dentro dunha excursión en grupo.
Procedencia: aumento no número de turistas europeos
Un feito salientable dos datos de turistas deste primeiro semestre do ano é o aumento de visitantes procedentes doutros países da Unión Europea. O 12% dos turistas que viñeron a Lugo entre xaneiro e xullo procedían dalgún país da UE. Francia, Alemania e Reino Unido son os países dos que proceden a maioría dos turistas europeos que visitan a cidade de Lugo. Antón Bao destacou que este é un turismo en ascenso en Lugo e que as cifras de turistas estranxeiros procedentes da UE logradas este ano duplican as de hai dous anos.
Con todo, e pese ao aumento de turistas estranxeiros, o número de turistas que proceden doutros lugares do Estado español segue a ser maioritario. Concretamente, o 71% dos visitantes contabilizados na Oficina Municipal de Turismo proceden dalgún lugar do Estado español. Madrid, Castela-León, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, Andalucía, País Vasco e Cantabria son, por este orde, as comunidades que máis turistas envían a Lugo.
Finalmente, o 6% dos turistas que veñen a Lugo proceden dalgunha das 4 provincias galegas, o 5% proceden do continente americano e o 1% restante doutros países, fundamentalmente china e Xapón.
Campañas de promoción turística
Antón Bao anunciou unha serie de campañas de promoción turística de Lugo co obxectivo de atraer visitantes cara a nosa cidade. Entre as novidades está unha campaña de promoción do San Froilán que se levará a cabo nas etapas da Vuelta Ciclista a España en colaboración coas Denominacións de Orixe Galegas e a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría.
Neste momento está tamén en marcha unha campaña de promoción da cidade no resto de vilas e cidades galegas que se está a levar a cabo durante os meses de verán. A través de paneis informativos de 10 metros de longo infórmase dos distintos atractivos de Lugo e das distinta oferta de actividades que hai en marcha. Esta campaña itinerante está estes días na cidade de Ferrol, coincidindo coas súas festas.
O responsable de Turismo tamén indicou que as visitas turísticas postas en marcha na cidade, que se manterán ata o 13 de outubro, están a ser un éxito. Cada día unha media de entre 10 e 15 persoas apúntase a estes itinerarios guiados que saen ás 12:30 horas de diante da Oficina de Turismo.
Os datos de turismo en Lugo
ANO 2012 | ANO 2011 | ANO 2010 | |
Xaneiro | 692 | 630 | 894 |
Febreiro | 1.426 | 1.150 | 1.052 |
Marzo | 2.213 | 2.118 | 2.444 |
Abril | 3.425 | 3.299 | 3.079 |
Maio | 3.058 | 2.939 | 2.695 |
Xuño | 3.242 | 3.621 | 3.752 |
Xullo | 4.742 | 4.738 | 4.526 |
TOTAL (1 xaneiro ao 31 xullo) | 18.798 | 18.495 | 18.442 |