Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Seis artesáns achegarán as técnicas de oficios tradicionais durante a mostra dos Vellos Oficios Vivos desta fin de semana


# Venres, 03/08/2012
A cita cun cesteiro, unha palilleira, un tecedor, un ferreiro, unha xoieira e un canteiro será nos soportais do fondo da Praza Maior este sábado e domingo

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O programa da vindeira semana recreará o ambiente unha malla tradicional


Unha das citas que máis expectación levanta durante o verán en Lugo, tanto entre os lucenses como entre os turistas, é a mostra dos Vellos Oficios Vivos que se está a celebrar durante as fins de semana de xullo e agosto nos soportais do fondo da Praza Maior. O horario da actividade é de 11:00 a 14.30 horas e de 17:00 a 21.30 horas.

Esta fin de semana serán seis os artesáns de distintas disciplinas os que acheguen as técnicas ancestrais dos seus oficios. Todos eles, ademais de traer unha mostra das súas creacións, traballarán en directo e mesmo ofrecerán ao público a posibilidade de practicar o oficio.

O sábado 4 de agosto, serán o artesán de alto tizo, Ramón Álvarez, que fará unha demostración de tear e roca de fiar; o cesteiro Jesús García, que fará un obradoiro no seu banco de traballo; e a xoieira Laura Fernández, que traballa a prata e o metal; os que realicen a exhibición.

O domingo 5, a mostra dos Vellos Oficios Vivos correrá a cargo da palilleira Marisa Hermida, que permitirá practicar a quen o desexe; do ferreiro Santiago Martínez, que acudirá cunha forza e fol de aire de máis de 200 anos; e do canteiro Félix Salinas, que fará un obradoiro de cantería en pedra para nenos e nenas.

Ademais de ofrecer un tempo de lecer, o programa Vellos Oficios Vivos ten como obxectivo converterse nunha mostra de referencia da artesanía tradicional galega e promocionar os oficios autóctonos que seguen a desenvolver veteranos mestres e que herdan os novos artesáns.

A vindeira semana haberá unha malla na Praza Maior

O programa da vindeira semana recreará unha malla tradicional na Praza Maior. Ademais da máquina de mallar e os distintos aperos empregados tradicionalmente para a malla do trigo, a mostra recreará o ambiente e as distintas tarefas deste traballo e confeccionarase un grande palleiro no medio da Praza. A demostración correrá a cargo da Federación Rural Galega (FRUGA).

O responsable das áreas de Cultura e Turismo, que organizan esta Mostra de Vellos Oficios, o nacionalista Antón Bao, destacou esta mañá o grande éxito que está a ter esta iniciativa. Indicou que cada día son unha media de 200 persoas, entre lugueses e visitantes, as que se achegan a ver as distintas demostracións que se fan nas fins de semana na Praza Maior.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova