Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Xa se pode visitar a ventá arqueolóxica da Rúa Nova na que se pode ver a cimentación orixinal da Muralla


# Luns, 06/08/2012
Sonia Méndez indicou que o Concello, a través do Plan Urban, financiou preto de 160.000 euros no acondicionamento de restos arqueolóxicos no centro da cidade

Imaxe Asociada

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, e o Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, acompañados de técnicos municipais, visitaron esta mañá a ventá arqueolóxica da Rúa Nova que recolle os restos orixinais da cimentación da antiga porta romana que ademais contan cunha inscrición que así o acredita e na que se pode ler “fvndamenta”. Esta actuacións súmase ás da piscina de Santa María e a do acueduto de San Marcos.

Sonia Méndez agradeceu aos veciños e comerciantes da zona a comprensión mostrada polas obras e destacou a importancia turística que suporán para o futuro.
Así, explicou que con estas obras se contribúen a mellorar o centro histórico porque supoñen a posta en valor do patrimonio cultural “xa que son un atractivo máis para os visitantes e máis cando Lugo quere ser unha cidade turística”. Neste sentido, referiuse a este tipo de actuacións como un xerador de riqueza para a nosa cidade “porque o feito de ter rutas turísticas con diversas ventás arqueolóxicas fannos ser únicos no mundo”.

Para esta actuación, deseñouse unha nova ventá constituída con material que permite a contemplación dos restos arqueolóxicos e o tránsito dos peóns sobre a mesma xa que é antideslizante, transparente e pisable, similar ás que hai na Acrópole de Atenas. Ademais, os traballos incluíron a instalación dun sistema de vídeo-vixiancia para evitar que sufra danos como os que obrigaron a mantela cuberta nos últimos tempos. Do mesmo xeito, tamén se renovou o sistema de iluminación e ventilación e se instalou un panel informativo.

O arqueólogo municipal, Enrique González, explicou que se pode ver un anaco de paramento granítico, un deles con inscrición romana alusiva ás cimentacións da obra, é datable na segunda metade da terceira centuria. Moi probablemente corresponde á dependencia anexa a unha das portas da cidade de entón. A calzada, que discorría contigua, coincidiría coa vía XX do Itinerario de Antonino, que enlazaba Lucus Augusti (Lugo) con Brigantium (A Coruña).O seu pavimento, estratificado en capas sucesivas, corresponde a fases históricas diversas que se poden datar entre os séculos I e V da nosa era.

A instalación da ventá arqueolóxica para facer visibles e por en valor os restos da porta da Muralla foi financiada con fondos do Plan Urban, que achegan a Unión Europea, a través do FEDER, o Concello e a Deputación provincial. Grazas ó Plan Urban tamén se financiaron as instalacións das ventás arqueolóxicas da piscina romana da praza de Santa María e do acueduto romano de San Marcos.

Así, coa posta en marcha da ventá arqueolóxica da Rúa Nova, xa son tres os restos romanos recuperados en postos en valor para que veciños e turistas poidan desfrutar e coñecer o pasado da cidade. Neles, o Concello, fixo unha inversión de preto de 160.000 euros entre as a obra de posta en valor da piscina romana de Santa María, e a do acueduto de San Marcos.

www.lugo.es/urban

 


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova