Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Antón Bao cifra entre 15 e 20 millóns de euros os efectos no comercio e a hostalería de Lugo da eliminación da paga extra aos funcionarios


# Mércores, 08/08/2012
Luis Álvarez informou que ata o 2 de novembro está aberto o prazo para solicitar as axudas das ITE

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O alcalde en funcións di que as consecuencias desta medida decretada polo Goberno de Rajoy van a ser moi graves na provincia de Lugo, na que hai 24.400 empregados públicos entre concellos, Deputación, Xunta e Estado

O alcalde en funcións do Concello de Lugo, o nacionalista Antón Bao, cifrou hoxe entre 15 e 20 millóns de euros os efectos negativos sobre o consumo e a economía lucense da decisión do Goberno de Mariano Rajoy de eliminar a paga extra de Nadal aos funcionarios e traballadores públicos. Bao, que reiterou que a decisión do Goberno municipal do Concello de Lugo e abonar, dun ou doutro xeito, aos traballadores e traballadoras do Concello a cantidade que lles correspondería pola extra de Nadal, afirmou que os efectos negativos sobre a economía da cidade en caso de non pagar estes cartos aos traballadores serían moito máis importantes que o suposto aforro que lograría o Concello.

O responsable nacionalista indicou que as consecuencias do decreto estatal van ser máis graves nunha provincia coma Lugo, na que os empregados públicos representan o 27% do total de traballadores en activo. Na provincia de Lugo hai uns 24.400 empregados públicos entre Concellos, Deputación, Xunta, Estado e Universidade. Boa parte deles teñen o seu posto de traballo na cidade de Lugo ou fan parte das súas compras de Nadal na capital. Antón Bao dixo que “as consecuencias da perda de poder adquisitivo dos funcionarios vanse trasladar de xeito inmediato ao comercio, a hostalería e a pequena e mediana industria local”. Se a isto lle engadimos a suba do IVE, o alcalde en funcións augurou un “parón absoluto” no sector do comercio este Nadal.

O alcalde en funcións reiterou que a decisión do Goberno local é abonar aos traballadores e traballadoras do Concello esas cantidades, ben como paga extra ou como outro concepto, e explicou que os servizos xurídicos e económicos do Concello están estudando como se pode facer. Tamén anunciou que no Pleno do mes de setembro debaterase unha moción rexeitando o decreto aprobado polo Goberno de Rajoy, similar á aprobada no Concello de Riotorto.

Subvencións ITE

O Concelleiro de Urbanismo explicou que dende onte se poden solicitar as subvencións para axudar a facer a inspección técnica de edificios ós veciños que teñan escasos recursos económicos. As axudas daranse a todas as persoas con recursos escasos que pasen a inspección técnica de edificios no período voluntario, é dicir antes do 31 de decembro. Este ano están obrigados a pasar a ITE todos os edificios construídos entre os anos 1966 e 1972 ambos inclusive.

Luis Álvarez manifestou que “o Concello adica unha partida de 42.406 euros a estas subvencións das que se poderán beneficiar os veciños con poucos recursos e que non sexan propietarios de máis dun inmoble”. As persoas que cumpran estes requisitos e que xa pasaran a ITE ou a teñan encargada para facela antes do 31 de decembro poderán solicitar a axuda.

A achega que fará o Concello será do 75% do importe pagado pola revisión cun máximo dos honorarios establecidos no convenio que asinou a institución cos colexios de Arquitectos e Aparelladores. O prazo para presentar as solicitudes remata o próximo 2 de novembro. Estas axudas dálles prioridade as persoas discapacitadas ou que teñan algún discapacitado ó seu cargo, e a maiores de 65 anos, en segundo lugar ás familias numerosas e a continuación a familias monoparentais que teñan fillos ó seu cargo.

Máis información Inspección Técnica de Edificios ITE

Acordos XGL

Na rolda de prensa da Xunta de Goberno Local acordouse desestimar a solicitude de cambio de sistema de actuación de compensación polo sistema de cooperación, formulada pola Xunta de Compensación do Polígono nº2 do sector SUR B Louzaneta-Arieiras, ao ter deficiencias nos traballos de urbanización e non poder recibir a obra o Concello mentres non se subsanen.

Por outro lado, Antón Bao deu conta de que se abre a partir de hoxe o procedemento de licitación para as parcelas do San Froilán, tanto para as barracas como para os distintos postos de venda. O responsable de Cultura explicou que se introduciron unha serie de cambios para garantir “máxima transparencia no proceso”. Así, este ano a adxudicación será pública e as ofertas faranse en sobre pechado. Tamén se regula a adxudicación en segunda volta das parcelas que queden baleiras. Entre as novidades, Antón Bao lembrou que este ano se retirarán os postos de venda das rúas Puro Cora e Pascual Veiga, o que suporá “melloras na imaxe, seguridade e limpeza do recinto feiral, menor afectación ao Parque Rosalía de Castro e minimizar as molestias aos veciños e residentes”, dixo.

En canto ao programa das festas, o responsable de Cultura indicou que as liñas xerais serán: “presenza de grupos de Lugo dentro das actuacións, moita actividade de rúa para que o San Froilán manteña o seu ambiente e carácter popular e participación de asociacións e colectivos diversos na confección do programa”. Explicou que ao coincidir este ano en venres tanto o día 5 como o 12 de outubro haberá “dúas fins de semana fortes nas que se repartirán as principais actuacións”. En canto ás críticas do Partido Popular, cualificounas de “sen sentido” porque, dixo, “a dous meses do comezo das festas xa está todo en marcha para que o San Froilán deste ano sexa un éxito igual que o foi o do ano pasado”. Explicou que se está a negociar con distintos grupos e cantantes para obter mellor prezo e dixo que “neste tema convén ter paciencia e non precipitarse para poder rebaixar os cachés e conseguir as mellores actuacións a un menor custo”.

www.sanfroilan.info

Felicitación a Gómez Noya

A Xunta de Goberno aprobou tamén unha declaración institucional para felicitar ao triatleta galego Javier Gómez Noya pola medalla de prata conseguida onte nos Xogos Olímpicos de Londres. Antón Bao explicou que “Gómez Noya é fillo adoptivo do deporte lucense” xa que o seu club está en Lugo (pertence ao Club Fluvial) e a súa formación deportiva dende novo tivo lugar na nosa cidade “a onde viña entrenar dende Ferrol, moitas veces en bicicleta, para aproveitar a viaxe como parte da súa preparación”, lembrou. Felicitación que o alcalde en funcións fixo tamén extensiva á Federación Galega de Triatlón, con sede en Lugo, e ao palista David Cal, que esta mañá obtivo a segunda medalla para o deporte galego.


Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova