Cargando....
Concello de Lugo
11/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Antón Bao apoia a petición da Asociación de colombianos para que haxa un Consulado permanente en Lugo


# Xoves, 09/08/2012


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

O alcalde en funcións visitou esta mañá, acompañado por representantes dos tres partidos políticos, o bus itinerante do Goberno colombiano que ata o sábado permitirá aos cidadáns deste país realizar diferentes trámites

Non existe Consulado de Colombia en Galiza, polo que os cidadáns colombianos que viven en Galiza teñen que desprazarse a Madrid a realizar trámites. Só na cidade de Lugo viven uns 2.000 colombianos


O alcalde en funcións do Concello de Lugo, o nacionalista Antón Bao, manifestou hoxe o seu apoio á petición da Asociación de colombianos para que haxa un Consulado permanente deste país en Lugo. Antón Bao, que visitou esta mañá acompañado por representantes dos tres partidos políticos o autobús itinerante do Goberno colombiano que durante tres días estará en Lugo para facilitar trámites aos cidadáns deste país, explicou que por parte do Goberno local se apoian as xestións que están facendo os cidadáns colombianos residentes en Lugo para contar con este servizo de xeito permanente.

O autobús da Embaixada colombiana estará na Praza Maior de Lugo ata o sábado para facilitar aos colombianos residentes na cidade a realización de trámites ou outras consultas de información. Nos tres días atenderán a 500 persoas que xa teñen cita previa, aínda que houbo máis persoas que solicitaron ser atendidos, segundo explicou a vicecónsul de Colombia en Madrid, María Alejandra Uribe, que explicou aos membros do Concello de Lugo o funcionamento desta unidade móbil, un proxecto piloto que ten por finalidade achegar a Embaixada colombiana a aqueles lugares que carecen de Consulado e que é a primeira vez que recala en Lugo.

O alcalde en funcións explicou que no Estado español hai sete Consulados de Colombia, pero que ningún deles se atopa en Galiza, a pesares de que no noso país viven un importante número de cidadáns colombianos. O presidente da Asociación de Colombianos en Lugo, Dorman Fernández, explicou que a ausencia de Consulado supón un trastorno importante para os colombianos residentes en Galiza, que se teñen que desprazar a Madrid a facer trámites. Tan só na cidade de Lugo viven uns 2.000 colombianos.


Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova