Cargando....
Concello de Lugo
21/10/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello de Lugo publicará máis información na páxina web municipal contribuíndo a unha maior transparencia


# Xoves, 09/08/2012
Sonia Méndez explicou que os cidadáns poderán ter datos económicos, de contratación e de subvencións en www.lugo.es

Imaxe Asociada

A Concelleira destacou que “o de Lugo é un dos poucos concello que se facilitan o acceso á información municipal ao grupo da oposición”

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, informou esta mañá que dende o mes de setembro se publicará máis información na web municipal para poñela a disposición dos cidadáns. En concreto ampliarase a información en aspectos económicos a través da publicación dun resumo do inventario de bens e dereitos do Concello e con información específica sobre os vehículos dos que dispón o Concello, o patrimonio municipal do solo ou os bens e inmobles.

Neste sentido, Sonia Méndez, salientou que “en cumprimento da Lei de Transparencia xa temos publicadas dende hai tempo as retribucións do Alcalde e dos Concelleiros aos que se sumará a retribución do persoal de confianza, de maneira que os cidadáns non teñan dúbidas de nada”. Outra das cuestións que destacou foi que “moitas das cuestións non son obrigas da Lei pero nós consideramos que os cidadáns deben coñecer certas informacións de como se xestionan os fondos públicos como poden ser as retribucións ao concelleiros”. Sobre este aspecto, a responsable da área económica, manifestou que tamén se engadirá información sobre as actividades privadas que poden levar a cabo a marxe das municipais e se son ou non compatibles.

En canto á información económica, tamén se van publicar todos os contratos no perfil do contratante, aínda que a lei obriga a publicar só os concursos abertos, “pero dende o equipo de goberno se tomou a decisión de publicar todo tipo de procedementos e incluso os contratos menores que se adxudican semanalmente na Xunta de Compras” adiantou Méndez. Neste sentido, a partir de setembro, tamén se poderán consultar os convenios realizados polo Concello así como todas as subvencións e resolucións das mesmas nun mesmo apartado xa que ata o de agora cada unha estaba na concellería correspondente.

“Con todas estas medidas nos adiantamos á lei de transparencia”, segundo Sonia Méndez, “pero non só nos adiantamos senón que publicamos máis información da que estritamente obriga esta Lei” e lembrou que o ano pasado fora o Concello de Lugo fora nomeado como o máis transparente a nivel de España.

Así, a responsable de economía lembrou que “este Concello se caracteriza por facilitar o acceso á información municipal á oposición para que exerzan a súa lexitima función de control do goberno”. E quixo facer mención a que “somos un dos poucos concellos nos que a oposición participan con voz e voto nas xuntas de compra e mesas de contratacións ademais de dotalos con medios persoais e materiais para que desempeñen mellor o seu traballo, algo impensable por exemplo na Xunta de Galicia”.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova