Imprimir

A PRIMEIRA OFICINA DE COOPERATIVISMO ABRE AS SÚAS PORTAS NO CEI-NODUS


10/8/2012 Os Concellos de Lugo, Becerreá, Corgo e Baralla uníronse para crear esta oficina de información e creación de proxectos cooperativistas especialmente no rural

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, xunto con técnicos dos concellos de Baralla, Becerreá e O Corgo, presentaron a primeira Oficina de Cooperativismo que desenvolverá proxectos nos catro municipios.

Sonia Méndez destacou que se trata de unir esforzos e non duplicar recursos nos tempos que corren e destacou que “somos de distintos partidos políticos pero dispostos a traballar xuntos para colaborar na creación de novas empresas e novos postos de traballo”. O obxectivo é que aumente o número de empresas, en este caso de cooperativas, nos municipios participantes e para que traballadores que se quedaran no paro poidan constituírse nesta forma asociativa. Esta oficina tratara de desenvolver principalmente na zona rural, novas cooperativas tanto no sector agrícola como no sector académico, educativo ou de axudas no fogar.

A responsable da área económica explicou que os catro concellos se agruparon para acudir a unha convocatoria da Xunta de Galicia e que concederon 24.000 euros. “Esta axuda permitiunos contratar a un técnico que levará a cabo tarefas de asesoramento, acompañamento, elaboración do plan de empresas, asesoramento en materia fiscal e subvencións a todas aquelas persoas que se animen a crear unha cooperativa”. Ademais, o técnico, tamén se desprazará aos municipios e parroquias para divulgar as vantaxes de montar unha cooperativa.

O técnico finaliza en maio de 2013 e ata ese momento realizara as actividades no CEI- Nodus, ademais o Concello aporta as instalacións para a oficina e outros medios materiais.

CEI-Nodus cei.lugo.es