Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O prazo para matricularse na Escola de Música abrirase o día 3 de setembro e as clases comezarán o 15 de outubro


# Luns, 13/08/2012
Poderán inscribirse nenos e nenas a partir de 3 anos e persoas maiores que queiran aprender a tocar algún instrumento musical

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
Os músicos que integran a Banda Municipal encargaranse docencia e a dirección da Escola de Música na que se poderán aprender 12 instrumentos distintos

Antón Bao visitou hoxe as obras de remodelación dunha das alas do Centro Social Uxío Novoneyra, onde se instalará a Escola de Música


A cidade de Lugo contará o próximo curso cunha Escola Municipal de Música vinculada á Banda Municipal que impartirá clases de formación musical a persoas de todas as idades. O alcalde en funcións, o nacionalista Antón Bao, explicou esta mañá que a creación desta Escola Municipal era un compromiso do Programa de Goberno e a súa posta en marcha vai supoñer un novo servizo para os cidadáns de Lugo. “É un servizo que vai destinado a toda a poboación”, explicou hoxe Antón Bao, que visitou, acompañado polo director da Escola, Armando Morales, e por técnicos do Concello, as obras de adecuación que se están a realizar no Centro Social Uxío Novoneyra, onde estará situada a Escola.

As clases da Escola Municipal de Música comezarán o 15 de outubro, despois do San Froilán e serán pola tarde, de 4 a 10 da noite. Do 3 ao 28 de setembro estará aberto o prazo de matrícula para que os cidadáns poidan xa reservar a súa praza. A matrícula formalizarase nas dependencias da Concellería de Cultura, situadas na Casa do Concello na Praza Maior, onde se habilitará un punto de información e matrícula para os cidadáns. A Escola de Música terá un enfoque eminentemente práctico. Impartiranse un total de 21 materias, entre as que haberá a aprendizaxe de 12 instrumentos distintos, principalmente de vento e percusión, e 9 materias teóricas de apoio e formación musical.

As clases están pensadas tanto para nenos e nenas a partir de 3 anos, que se inician na música, como para persoas de todas as idades que queren aprender a tocar algún instrumento. As persoas que se matriculen poderán escoller entre clarinete, percusión, gaita, pito, frauta, trompa, trompeta, fagote, trombón, saxofón ou tuba. Entre as materias teóricas están linguaxe musical, formación de adultos, obradoiro de creación sonora, musica e movemento, historia da música, fundamentos da composición, jazz e improvisación, iniciación á informática musical. Tamén están pensadas clases de apoio para aqueles nenos e nenas que teñan problemas na materia de Música que se imparte nos centros de ensino.

Crear “canteira” para a Banda Municipal

Da docencia, organización e funcionamento da Escola encargaranse os propios músicos da Banda Municipal. Antón Bao destacou que dos alumnos da Escola de Música sairá a “canteira” de novos músicos que irá engrosando e mellorando a Banda Municipal, polo que “coa posta en marcha da Escola Municipal de Música imos conseguir potenciar a Banda Municipal, unha das de máis historia e tradición de Galiza, creada en 1876 por Xoán Montes”, lembrou o responsable de Cultura.

332 metros cadrados repartidos en 14 aulas

Antón Bao visitou esta mañá as obras de adecuación de espazos na primeira planta do Centro Social Uxío Novoneyra para acoller as distintas aulas da escola de Música. As obras, que está a executar a empresa lucense Muralla de Rehabilitaciones por un importe de 97.000 euros, avanzan a bo ritmo e estarán rematadas en setembro.

En total, a Escola Municipal de Música, que estará situada no Centro Social Uxío Novoneyra, onde xa ten o seu local de ensaio a Banda Municipal, ocupará 332 metros cadrados repartidos en 14 aulas. Ademais de 11 aulas de entre 6 e 12 metros cadrados para ensaios individualizados por cada un dos distintos instrumentos, haberá unha aula de ensaio para clases colectivas, de 62 metros cadrados de superficie, unha sala de informática para edición de partituras e unha sala de usos múltiples pensada para ensinanzas musicais que requiran movemento, acondicionada co chan acolchado e espellos nas paredes. Tamén formarán parte das dependencias da Escola de Música o actual local de ensaio da Banda Municipal, así como o salón de actos do Uxío Novoneyra, que acollerá concertos e actuacións.

Segundo explicou Antón Bao, manterase en funcionamento unha das salas de exposición do Centro Social Uxío Novoneyra, de 230 metros cadrados, e a outra das salas, que estaba infrautilizada, transformarase en aulas dotadas de insonorización.

Clases de música a prezos moi adquiribles

O responsable de Cultura tamén destacou que a Escola Municipal de Música será un complemento tanto ao Conservatorio como á Tradescola e que debido ao seu prezo, “permitirá a todas as persoas que o desexen asistir a clases de música a prezos moi adquiribles”, xa que unha persoa poderá recibir unha formación musical completa de 3 horas semanais por 33 euros mensuais.

O pago da matrícula será anual e farase dividido en tres pagamentos trimestrais a través de domiciliación bancaria.

MATERIA PREZO
BIG BAND, COMBOS, GRUPO DE METAIS, GRUPO DE CLARINETES, GRUPO DE SAXOFÓNS, BANDA DA ESCOLA, CORO MODERNO, GRUPO TRADICIONAL, CHARANGA, GRUPO DE PERCUSIÓN, GRUPO DE PANDEIRETAS, GRUPO DE CÁMARA E OUTROS 11 € / mes
MÚSICA E MOVEMENTO, LINGUAXE MUSICAL, HISTORIA DA MÚSICA, ANÁLISE, FORMAS MUSICAIS, FUNDAMENTOS DA COMPOSICIÓN, OBRADOIRO DE CREACIÓN SONORA, FORMACIÓN DE ADULTOS, HARMONÍA CLÁSICA, HARMONÍA DE JAZZ, IMPROVISACIÓN, TÉCNICAS DE RESPIRACIÓN, ESTIMULACIÓN MUSICAL, APOIO MUSICAL, INICIACIÓN Á INFORMÁTICA MUSICAL E OUTROS 17 € / mes
FRAUTA TRAVESEIRA, CLARINETE, SAXOFÓN, FAGOTE, TROMPA, TROMPETA, TROMBÓN, TUBA-BOMBARDINO, PERCUSIÓN, GAITA, E OUTROS ( clases compartidas, con tres alumnos como máximo) 22 € / mes
CLASES INDIVIDUALIZADAS DE INSTRUMENTO ( no caso de dispoñibilidade horaria, tanto de aulas coma de docentes) 44 € / mes


O alumnado matriculado en dúas materias, unha de instrumento e outra de formación teórica, verán reducido o importe de pagamento anual da materia que non sexa instrumento nun terzo. Tamén poderá asistir de balde a coro, banda, charanga, big band, grupo tradicional, técnicas de respiración, harmonía clásica e historia da música (as cinco primeiras no caso de contar con persoas suficientes para formar os grupos, coa aceptación da persoa responsable da aula de formación colectiva).

Como exemplo podemos dicir que o custo para unha persoa que acuda semanalmente a 1 hora de linguaxe musical, 1 hora de instrumento e 1 hora de agrupación musical pagará (sen bonificacións) 33 € / mes.

Bonificacións e exencións

O alumnado que sexa o terceiro ou posterior membro da unidade familiar que se matricula, verá reducido o pago do prezo público que se regula nesta ordenanza nun 50%. Esta bonificación realizarase tomando como referencia a taxa máis alta.

O alumnado que pertenza a familias numerosas ou con ingresos anuais netos inferiores a 3.610 euros por membro da unidade familiar, terá dereito a unha redución do 25% na cota establecida para a prestación de servizos ou realización de actividades na Escola Municipal de Música.

Estará exento do pagamento o alumnado que se matricule en estudos dun instrumento que sexa obxecto dunha campaña de promoción por parte da Escola, por tratarse dun instrumento dos menos populares. A decisión da elección do instrumento será tomada polo claustro de profesores e cada curso escolar tratarase dun diferente.

Estará tamén exento do pagamento o alumnado que no curso anterior teña un alto aproveitamento das clases desa mesma materia e a unidade familiar conte cuns ingresos inferiores aos considerados para a aplicación das bonificacións.


Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova