Cargando....
Concello de Lugo
12/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

A mostra dos Vellos Oficios Vivos traerá esta fin de semana á Praza Maior de Lugo unha cadeira xigante feita en madeira


# Venres, 17/08/2012
A obra, creación do carpinteiro de Becerreá Inacio Gómez Abrau, mide máis de 5 metros de alto

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O sábado haberá ademais unha demostración da fabricación das navallas de Taramundi e un obradoiro de elaboración de bonecos de la e o domingo daranse cita un tallador de pizarra, un gravador de vidro e unha demostración de bordado tradicional de tecido


A Mostra dos Vellos Oficios Vivos que se está a celebrar durante as fins de semana de xullo e agosto nos soportais do fondo da Praza Maior traerá esta fin de semana a Lugo unha espectacular cadeira xigante de máis de cinco metros de altura elaborada en madeira. A creación, obra do carpinteiro de Becerreá Inacio Gómez Abrau, poderá contemplarse o sábado.

Esta cadeira xigante será un dos atractivos dunha xornada na que tamén haberá demostracións de talla de madeira co torno, mostra de fabricación de navallas de Taramundi a cargo do ferreiro Juan Carlos Quintana e un obradoiro de fabricación de bonecos de la impartido por María Luísa Mosquera Sastre, no que poderán participar os máis pequenos. O horario das distintas actividades é de 11:00 a 14.30 horas pola mañá e de 17:00 a 21.30 horas pola tarde.

Completarán a programación dos Vellos Oficios desta fin de semana outros tres artesáns de distintas disciplinas que o domingo achegarán ao público asistente as técnicas ancestrais dos seus oficios. Todos eles, ademais de traer unha mostra das súas creacións, traballarán en directo e mesmo ofrecerán ao público a posibilidade de practicar o oficio.

O domingo 19, a mostra correrá a cargo do canteiro André López Gómez, que fará demostracións de talla de pizarra, Domingo Castiñeiras Viqueira, que fará un obradoiro de gravado artesanal de vidro, e Pilar Rodríguez Gonda, que fará demostracións de bordado tradicional de tecidos.

Éxito de público do programa ‘Vellos Oficios Vivos’

O responsable da área de Cultura e Turismo, que organiza esta Mostra de Vellos Oficios, o nacionalista Antón Bao, destaca o grande éxito que está a ter un ano máis esta iniciativa. Indicou que cada día son unha media de 200 persoas, entre lugueses e visitantes, as que se achegan a ver as distintas demostracións que se fan nas fins de semana na Praza Maior.

Ademais de ofrecer un tempo de lecer, o programa Vellos Oficios Vivos ten como obxectivo converterse nunha mostra de referencia da artesanía tradicional galega e promocionar os oficios autóctonos que seguen a desenvolver veteranos mestres e que herdan os novos artesáns.





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova