Cargando....
Concello de Lugo
16/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A mostra dos Vellos Oficios Vivos traerá esta fin de semana á Praza Maior de Lugo unha forxa para fundir bronce que alcanza máis de 1.000 grados de temperatura


# Venres, 24/08/2012
A demostración será o domingo a cargo do escultor en metal Óscar Aldonza Torres

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

O sábado haberá un obradoiro de cestería, demostracións de zoquería e confección en vivo de instrumentos musicais de madeira


A Mostra dos Vellos Oficios Vivos que se está a celebrar durante as fins de semana de xullo e agosto nos soportais do fondo da Praza Maior traerá esta fin de semana a Lugo unha forxa de fundir bronce que alcanza unha temperatura de máis de 1.000 grados centígrados. A demostración do funcionamento desta forxa correrá a cargo do escultor en metal Óscar Aldonza Torres. Poderá contemplarse o domingo.

Esta forxa será un dos atractivos dunha xornada na que tamén haberá demostracións de escultura en arxila a cargo do artesán José Antonio Ábalo e un obradoiro de gravado en madeira a cargo de Álvaro García Lema. O horario das distintas actividades é de 11:00 a 14.30 horas pola mañá e de 17:00 a 21.30 horas pola tarde.

Completarán a programación dos Vellos Oficios desta fin de semana outros tres artesáns de distintas disciplinas que mañá sábado achegarán ao público asistente as técnicas ancestrais dos seus oficios. Todos eles, ademais de traer unha mostra das súas creacións, traballarán en directo e mesmo ofrecerán ao público a posibilidade de practicar o oficio. Haberá taller de cestería a cargo de Idoia Cuesta, demostracións da zoqueira Elena Ferro e un obradoiro de confección de instrumentos musicais en madeira a cargo do luthier Xoán Manuel Tubío.

Éxito de público do programa ‘Vellos Oficios Vivos’

O responsable da área de Cultura e Turismo, que organiza esta Mostra de Vellos Oficios, o nacionalista Antón Bao, destaca o grande éxito que está a ter un ano máis esta iniciativa. Indicou que cada día son unha media de 200 persoas, entre lugueses e visitantes, as que se achegan a ver as distintas demostracións que se fan nas fins de semana na Praza Maior.

Ademais de ofrecer un tempo de lecer, o programa Vellos Oficios Vivos ten como obxectivo converterse nunha mostra de referencia da artesanía tradicional galega e promocionar os oficios autóctonos que seguen a desenvolver veteranos mestres e que herdan os novos artesáns.





Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova