Imprimir

CARMEN BASADRE PRESENTA UNHA CAMPAÑA DE INFORMACIÓN SOBRE OS EFECTOS DO CONSUMO DE ALCOHOL EN MENORES


27/8/2012 Martes, mércores e xoves poderanse degustar cócteles sen alcohol na praza Maior, na de San Marcos e na de Campo Castelo, respectivamente

Nesta iniciativa colabora a Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, presentou esta mañá unha campaña de sensibilización e redución do dano que causa o consumo excesivo de alcohol en colaboración coa Asociación Provincial de Hostalería.

Trátase dunha campaña que se enmarca dentro do II Plan de Drogodependecias do Concello de Lugo, e na que se recollen tres actividades principais. A primeira delas é o reparto de 2.000 posavasos en diferentes bares e pubs da cidade co lema Co alcohol tómao en serio. Neles hai un código QR a través do cal poderán descargar información de mitos e realidades sobre o alcohol e ademais o número de teléfono de radiotaxi en Lugo.

A segunda das accións é que, dende o Servizo Municipal de Drogodependencias, se vai levar a cabo unha serie de conferencias informativas cos traballadores do sector da hostalería para explicarlles como comportase ante certas actitudes dos mozos e mozas que levan un consumo alto de alcohol, a posibilidade de ofrecer de entrada bebidas sen alcohol ou alternativas de consumo, e como actuar ante unha persoa cun grao alto de alcohol en sangue.

Carmen Basadre explicou que “tratamos de facer actividades que promovan outras formas de consumo e cren alternativas para os máis novos e tamén que dende a hostalería teñan toda a información necesaria para saber aconsellalos sen poñer en perigo a súa saúde”.

A terceira das accións é unha degustación de combinados e cócteles sen alcohol nas rúas da cidade. Neste, a Concelleira de Xuventude, tamén informou que mañá martes 28, mércores 29 e xoves 30 se poderán facer degustación gratuíta de cócteles e combinados sen alcohol, dirixidos para mozos e mozas e para todas as persoas que os queiran probar. Estarán en horario de 11 a 13 o martes na Praza Maior, o mércores na Praza de San Marcos e o xoves na Praza de Campo Castelo.

Todas as persoas que se acheguen poderán degustar diferentes combinados como o Pantera Rosa ( cóctel de fresa natural, azucre e leite desnatada), Bannana Mama (cóctel tropical de frutas naturais con piña, plátano e azucre) ou un Gin tonic ’00 (sirope de enebro e xenxibre e auga tónica).

www.lugo.es/prevenciondrogas