Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A mostra dos Vellos Oficios péchase esta fin de semana cunha xornada adicada ás artes do mar


# Venres, 31/08/2012
O domingo poderá verse na Praza Maior a labor das redeiras de Burela e o traballo dun carpinteiro de ribeira chegado de San Cibrao

O sábado os protagonistas serán tres mozos que decidiron continuar oficios ancestrais dos seus avós: o ferreiro de Riotorto Óscar Villada, o zoqueiro Alberto Geada e o torneiro José Manuel Fernández Otero


A Mostra dos Vellos Oficios Vivos clausúrase esta fin de semana cun día adicado aos novos artesáns, aqueles que decidiron continuar os oficios dos seus avós, e cunha xornada adicada ás artes do mar, que traerá á Praza Maior de Lugo o traballo de redeiras e carpinteiros de ribeira.

O sábado os protagonistas da Mostra dos Vellos Oficios serán tres mozos que continuaron co oficio ancestral dos seus avós, explorando as posibilidades de emprego que ofrece este sector e demostrando que os traballos artesás están aínda vivos hoxe e xeran saídas laborais. Os tres, o oleiro José Manuel Fernández Otero, o ferreiro de Riotorto Óscar Villada e o zoqueiro de Alfoz Alberto Geada, aplicaron aos seus oficios a innovación necesaria mais sen perder a esencia tradicional dos mesmos. Os tres traballarán o sábado á vista do público asistente, que poderá mesmo probar co torno de barro, co torno primitivo da madeira que traerá Alberto Geada ou coa forxa de Óscar Villada. O horario das demostracións ao vivo é de 11:00 a 14.30 horas e de 17:00 a 21.30 horas.

Ao día seguinte, o domingo, o centro da cidade de Lugo ulirá a mar e salitre grazas ao traballo das redeiras de Burela e de Francisco Fra Rico, carpinteiro de ribeira chegado dende San Cibrao que mostrará a arte da construción de embarcacións de pesca. O público asistente poderá comprobar o traballo das mulleres da Asociación de Redeiras Cabo Burela, que farán demostracións de confección de distintas artes de pesca, dende o palangre aos anzós e ás volantiñas para entallar e mallar.

Con estas dúas xornadas clausurarase a Mostra dos Vellos Oficios Vivos, que se veu celebrando durante as fins de semana de xullo e agosto nos soportais do fondo da Praza Maior de Lugo. Cada fin de semana artesáns de distintas disciplinas achegaron ao público asistente as técnicas ancestrais dos seus oficios. Todos eles, ademais de traer unha mostra das súas creacións, traballaron en directo e mesmo ofreceron ao público a posibilidade de practicar o seu oficio.

Un total de 34 artesáns de distintas disciplinas

Durante todo o verán, en pleno centro de Lugo, tres asociacións culturais especializadas na recuperación da cultura popular e un total de 34 artesáns de distintas disciplinas como a olería, a cestaría, a ferrería, o traballo tradicional de tecidos como a la ou o lino, tallistas de madeira, pizarra e vidro, zoqueiros e un zapateiro chegados de toda Galiza mostraron en directo os seus métodos de traballo e realizaron obradoiros para o público.

Como novidade este ano, para completar a actividade desenvolvéronse cinco xornadas especiais que consistiron na exaltación de distintos elementos da cultura tradicional galega, en espacial dos vellos oficios agrarios e da vida no rural:

- Homenaxe e recuperación dos Vellos oficios da aldea o día 7 de xullo.
- Xornada de xogos tradicionais o domingo 8 de xullo.
- Representación da Festa da Malla os días 11 e 12 de agosto.
- Día dos Vellos Mestres o día 28 de xullo,
- Día das Artes do mar o domingo 2 de setembro.

O responsable da área de Cultura e Turismo, que organiza esta Mostra de Vellos Oficios, o nacionalista Antón Bao, destaca o grande éxito que está a ter un ano máis esta iniciativa. Indicou que cada día son unha media de 200 persoas, entre lugueses e visitantes, as que se achegan a ver as distintas demostracións que se fan nas fins de semana na Praza Maior.

Ademais de ofrecer un tempo de lecer, o programa Vellos Oficios Vivos ten como obxectivo converterse nunha mostra de referencia da artesanía tradicional galega e promocionar os oficios autóctonos que seguen a desenvolver veteranos mestres e que herdan os novos artesáns. “Trátase de contribuír a evitar a extinción dunhas artes propias da cultura galega e abrir á xente moza novas posibilidades de emprego nestes oficios”, destacou Antón Bao, “ademais da parte de exhibición que todas as fins de semana puidemos ver, todos estes oficios son un exemplo de oportunidade económica sostible nestes tempos de crise”.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova