Cargando....
Concello de Lugo
10/07/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello saca a contratación a segunda fase das obras de rehabilitación do Vello Cárcere para convertelo nun centro cultural


# Martes, 04/09/2012
 

Imaxe Asociada

A licitación da segunda fase do proxecto ten un presuposto de 2,2 millóns de euros que financia o Plan Urban e vaise aprobar mañá na Xunta de Goberno Local

A Concelleira de Economía lamenta a morosidade da Xunta que pon “escusas de mal pagador” no lugar de satisfacer a débeda de 1,9 millóns por impostos que non paga


A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, informou de que o Goberno local aprobará mañá a contratación da segunda fase das obras de rehabilitación do Vello Cárcere para transformalo nun centro cultural.

A segunda fase das obras sairá a licitación cun orzamento de 2,2 millóns de euros e un prazo de execución de doce meses. A Concelleira de Economía explicou que a suba do IVE decretada polo Goberno de Rajoy suporá que un gasto extra nesta obra de 120.000 euros.

O custe total do proxecto para a rehabilitación do Vello Cárcere, que se financia con fondos do Plan Urban, ten un presuposto de 4,6 millóns de euros. A Concelleira fixo fincapé na importancia deste proxecto que supón a rehabilitación dun edificio emblemático que foi o antigo cárcere do partido xudicial de Lugo e nos últimos anos albergou a sede da Policía Local.

Sonia Méndez destacou tamén que as achegas da Unión Europea, a través dos Fondos FEDER, da Deputación provincial e do Concello fan posible acometer esta importante actuación que supón, xunto coa rehabilitación dun edificio emblemático da cidade, a creación dun centro cultural no centro histórico e tamén está a xerar emprego. De feito, na primeira fase das obras están a traballar 30 persoas, 8 delas procedentes dos programas de inserción laboral que desenvolve o Concello.

Segundo avanzou a Concelleira de Economía, está previsto que as obras desta segunda fase, que afectarán ó edificio que ocupaba a Policía Local, comecen a principios do ano que vén. O proxecto para esta segunda fase prevé a creación dunha zona de recepción, un punto de información, unha tenda de produtos relacionados con Lugo e coas exposicións que se fagan no novo Centro cultural. Tamén haberá unha pequena biblioteca e un auditorio con 137 prazas dotado con escenario, vestiarios e cabina de control. Este auditorio facilitará a organización dalgúns actos que agora se celebran no Salón de Plenos da Casa do Concello, como a presentación de libros, e tamén para audicións ou representacións, coa vantaxe do seu emprazamento no centro. Outro servizo co que se dotará ó edificio, aproveitando a súa proximidade ó Casco histórico, é unha cafetería con terraza e mirador que irá situada na última planta.

www.lugo.es/urban


A Xunta segue sen pagar os impostos que adebeda a Lugo

A preguntas dos xornalistas, Sonia Méndez lembrou que a Xunta segue sendo unha administración morosa co Concello de Lugo, xa que aínda non pagou a débeda de 1.900.000 euros contraida pola administración galega polo impago de impostos municipais. Tanto o Instituto Galego da Vivenda e Solo como a Consellería de Sanidade adebédanlle ó Concello o importe de taxas e impostos como o IBI dos últimos anos e a débeda segue medrando porque, ademais do principal, cada día que pasa acumúlanse recargos e intereses.

Para a Concelleira de Economía as explicacións que dá a Xunta sobre os 399.000 euros que lle adebeda a Lugo o IGVS “son escusas de mal pagador”. Sonia Méndez lembrou que xa hai meses que o Concelleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, anunciou no Parlamento que ían pagar os recibos adebedados pero o Concello segue agardando que o fagan.

“Mentiu en sede parlamentaria e agora poñen escusas de malpagador para eludir o pago da débeda, mentres o Presidente da Xunta está a presumir de solvencia e de que o Goberno galego é bo pagador”, manifestou Sonia Méndez e anunciou que “o Concello segue realizando as actuacións necesarias para recuperar o diñeiro que nos adebedan igual que o fai cando é un cidadán quen non paga os tributos.

“É unha pena que os cidadáns de Lugo paguen puntualmente os seus impostos, xa que os índices de recadación en período voluntario son superiores ó 90%, mentres a Xunta se comporta como unha administración morosa, que non está dando ningún paso para dar solución a este problema cando antes”, manifestou a Concelleira de Economía que reiterou a vontade do Concello de darlle todo tipo de facilidades á Xunta, como pode ser fraccionamento dos pagos para que cumpra coas súas obrigas fiscais.


Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova