Cargando....
Concello de Lugo
23/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Case 9.000 turistas visitaron a cidade de Lugo no mes de agosto


# Mércores, 05/09/2012
O número de visitantes medrou un 2% no que vai de ano pero o gasto medio por turista caeu por mor da crise económica 

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, reclama á Xunta e á Deputación políticas conxuntas no eido turístico para o conxunto da provincia de Lugo

A cidade de Lugo recibíu este ano no mes de agosto máis turistas que en anos anteriores a pesares da crise económica, Un total de 8.991 persoas dirixíronse á Oficina Municipal de Turismo, ubicada na Praza do Campo, para demandar información sobre a cidade, segundo os datos facilitados hoxe polo responsable de Turismo, o tenente alcalde nacionalista Antón Bao, o que supón unha media de case 300 visitas diarias.

Os datos revelan, segundo Antón Bao, “un lixeiro incremento no número de visitantes no que vai de ano repecto ás mesmas datas do pasado ano”. Do 1 de xaneiro ao 31 de agosto visitaron a oficina de turismo da cidade 27.789 persoas, 528 máis que no mesmo periodo de 2011, o que supón un incremento dun 2% no número de visitantes. A pesar de incrementarse o número de turistas si que se reduciron as estadías e o gasto por persoa durante as súa estancia na cidade. Esta reducción está motivada pola crise económica, que reduce o poder adquisitivo das familias e frea os desprazamentos vacacionais.

Por meses, agosto foi ata o de agora o mes con máis turistas (8.991), que case dobra ao mes de xullo (4.742), seguido de abril (3.425), por coincidir neste mes este ano a Semana Santa, na que visitaron a cidade de Lugo 1.677 turistas que pasaron pola Oficina Municipal de Turismo a solicitar algún tipo de información. O ano 2011 pechouse cun total de 36.379 visitantes, unha cifra á que a área de Turismo, que dirixe o nacionalista Antón Bao, espera superar este ano.

Antón Bao salientou sen embargo, en consonancia co que veñen detectando os hosteleiros e as axencias de viaxes, que a crise económica está reducindo as estancias e o gasto medio dos turistas. Como exemplo puxo un dato: no que vai de ano nos museos que dependen do Concello vendéronse 1.200 entradas menos que no mesmo periodo do pasado ano (11.812 de xaneiro a xullo de 2011 e 10.615 de xaneiro a xullo de 2012). O Museo que segue tendo máis visitas segue a ser a Casa dos Mosaicos, por diante do Centro de Interpretación da Muralla e do Museo de Porta Miñá.

Chamamento á Xunta e á Deputación para políticas conxuntas

Antón Bao aproveitou a presentación dos datos do mes de agosto para facer un chamamento ás outras Administracións con competencias en materia turística, a Xunta de Galiza e a Deputación Provincial, para promover unha oferta conxunta de toda a provincia de Lugo que sirva para ampliar a oferta e aumentar a estadía dos turistas.

Bao dixo que este proxecto turístico conxunto serviría para “lograr unha oferta variada e de calidade da que nos beneficiariamos todas as comarcas”. “Ese traballo en conxunto é o plus que necesitamos para o despegue definitivo da provincia de Lugo no eido turístico”, asegurou o tenente alcalde do Concello de Lugo. Bao ofreceu o traballo e a “absoluta implicación” do Concello de Lugo para a posta en marcha desta promoción conxunta da provincia.
Indicou que a capital conta cunha serie de atractivos importantes e que se están a levar a cabo iniciativas como as visitas guiadas ou a Mostra de Vellos Oficios que están a ter grande éxito. Ao mesmo tempo este verán puxéronse en marcha unha serie de campañas de promoción turística de Lugo co obxectivo de atraer visitantes cara a nosa cidade. Entre as novidades está unha campaña de promoción do San Foilán que se está a levar a cabo nas etapas da Vuelta Ciclista a España en colaboración coas Denominacións de Orixe Galegas e a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e unha exposición itinerante que está a percorrer distintas cidades e vilas e cidades galegas, nas que a través de paneis informativos de 10 metros de longo infórmase dos distintos atractivos de Lugo e das festas do San Froilán.

Procedencia: aumento no número de turistas europeos

O prototipo de turista que visita Lugo é o dunha parella de mediana idade procedente doutra comunidade do Estado español que ven a Lugo sen os fillos. Segundo explicou Antón Bao, 8 de cada 10 turistas que veñen á nosa cidade fano por libre, é dicir, pola súa conta e sen viaxe organizada, mentras que 2 de cada 10 fano dentro dunha excursión en grupo.

Outro feito salientable dos datos de turistas deste primeiro semestre do ano é o aumento de visitantes procedentes doutros países da Unión Europea. O 12% dos turistas que viñeron a Lugo entre xaneiro e xullo procedían dalgún país da UE. Francia, Alemania e Reino Unido son os países dos que proceden a maioría dos turistas europeos que visitan a cidade de Lugo. Antón Bao destacou que este é un turismo en ascenso en Lugo e que as cifras de turistas estranxeiros procedentes da UE logradas este ano duplican as de hai dous anos.

Con todo, e pese ao aumento de turistas extranxeiros, o número de turistas que proceden doutros lugares do Estado español segue a ser maioritario. Concretamente, o 71% dos visitantes contabilizados na Oficina Municipal de Turismo proceden dalgún lugar do Estado español. Madrid, Castela-León, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, Andalucía, País Vasco e Cantabria son, por este orde, as comunidades que máis turistas envían a Lugo. Finalmente, o 6% dos turistas que veñen a Lugo proceden dalgunha das 4 provincias galegas, o 5% proceden do continente americano e o 1% restante doutros países, fundamentalmente china e xapón.

Os datos de turismo en Lugo


 

ANO 2012 ANO 2011 ANO 2010
Xaneiro 692 630 894
Febreiro 1.426 1.150 1.052
Marzo 2.213 2.118 2.444
Abril 3.425 3.299 3.079
Maio 3.058 2.939 2.695
Xuño 3.242 3.621 3.752
Xullo 4.742 4.738 4.526
Agosto 8.991 8.766 8.468

TOTAL

(1 xaneiro ao 31 agosto

27.789 27.261 26.910



Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova