Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello aproba a contratación das obras que completarán a rehabilitación do Vello Cárcere e do plan de sinalización e seguridade viaria


# Mércores, 05/09/2012
 

Imaxe Asociada Imaxe Asociada

A segunda fase do proxecto do Centro cultural do Vello Cárcere dispón dun orzamento de 2,2 millóns de euros e o Plan de Sinalización Viaria suporá un investimento de case 93.000 euros


A Xunta de Goberno Local tomou hoxe dous importantes acordos en materia de contratación xa que aprobou tanto a contratación das obras de rehabilitación do Vello Cárcere para transformalo nun Centro social e cultural como o Plan de Sinalización e Seguridade Viaria 2012, segundo informou o Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez.

O primeiro dos acordos supón o inicio do procedemento de adxudicación da segunda e última fase dun dos proxectos estrela do Plan Urban, que leva a cabo importantes actuacións na nosa cidade grazas ás achegas económicas da Unión Europea, que cofinancia o 80% dos investimentos deste plan a través dos fondos FEDER, do Concello de Lugo e da Deputación provincial.

Tal como avanzou onte a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, a Xunta de Goberno Local aprobou este mércores a contratación da segunda fase das obras de rehabilitación do Vello Cárcere que se vai converter nunha nova dotación para o Casco histórico, xa que na antiga prisión do partido xudicial de Lugo vaise crear un Centro Social e Cultural.

O presuposto desta segunda fase é de 2.225.879 euros e o prazo de execución das obras será de 12 meses. Os traballos afectarán ó edificio que ocuparon nos últimos anos a Policía Local e o servizo de Protección Civil.

Esta obra pública que executa o Concello está a dar emprego neste momento a trinta persoas, seis das cales pasaron polos programas de inserción laboral que desenvolve a administración municipal.

O obxecto do proxecto é transformar o antigo cárcere do Partido Xudicial de Lugo nun centro cultural e social, que estará dotado, entre outras instalacións, dun auditorio cun pequeno escenario con 137 prazas.

O presuposto total do proxecto é de 4.600.000 euros, nos que se inclúe o investimento da primeira fase do proxecto que xa está en execución.

www.lugo.es/urban



93.000 euros para seguridade viaria

O Goberno local tamén aprobou hoxe a contratación das obras do plan de sinalización e seguridade viaria 2012, que conta cun presuposto total estimado de 92.972,85 euros, IVE incluído. O prazo de execución desta actuación para mellorar a seguridade viaria tanto de peóns como de condutores é de tres meses.

O plan consta de dous lotes, un para o pintado de pasos de peóns, paradas de bus, prazas para carga e descarga, etc e outro para a sinalización de zonas 30 (Augas Férreas e Barrio Feijóo).

O valor que se estima para o primeiro dos lotes é de 41.441,82 (IVE incluído) e o valor previsto para o lote segundo é de 51.531,03 (IVE incluído).

A Xustiza reitera a legalidade dunha decisión tomada en 2006

Na área de Urbanismo, a Xunta de Goberno Local acordou tomar razón dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que lle dá a razón ó Concello de Lugo ó confirmar outro pronunciamento anterior do Xulgado Contencioso Administrativo nº 1 da nosa cidade.

En ámbolos dous casos, a Xustiza dalle avalou unha decisión tomada pola Xunta de Goberno Local o 13 de setembro de 2006. Nese acordo, a Xunta de Goberno ordenou a interrupción do procedemento de outorgamento da licenza de obras para a construción dun edificio na avda. Doutor García Portela, nº 25 ó atoparse incluída esta obra dentro da área de suspensión de licenzas aprobada polo Pleno o 26 de xaneiro de 2006.

A sentenza ditada polo Xulgado Contencioso Administrativo nº 1 fora apelada diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Sala do Contencioso- Administrativo vén de desestimar ese recurso e confirma a sentenza anterior do Xulgado de Lugo.

Tamén na área de Urbanismo, o Goberno local acordou hoxe conceder a licenza para a demolición e reposición ó estado inicial dunha edificación en planta baixa que linda con fonte pública sita na Tolda de Castela, en solo clasificado como urbanizable non programado, segundo o PXOU.


Escoitar audio:
Escoitar audio:
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova