Cargando....
Concello de Lugo
18/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Pilar García Negro será a pregoeira das festas do San Froilán e Marica Campo a encargada da Ofrenda a Rosalía


# Xoves, 06/09/2012
O tenente alcalde, Antón Bao, anuncia que "o San Froilán 2012 vai ser un San Froilán en feminino" 

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
O día 29 abrirán as casetas do polbo e o día 4 o feiral con todas as atraccións

Hoxe formalizouse a primeira aportación para as festas dun establecemento de hostalaría, a do bar Os Tres Pés, da rúa Nova

As escritoras Pilar García Negro e Marica Campo serán as encargadas de ler este ano o pregón das festas do San Froilán e da tradicional Ofrenda a Rosalía que se realiza o Domingo das Mozas. A Comisión de Festas, na que teñen representación todos os grupos políticos da Corporación Municipal, aprobou esta mañá por unanimidade o nome das persoas encargadas dos dous actos protocolarios máis importantes das patronais.

María Pilar García Negro (Lugo, 9 de outubro de 1953) ten unha dilatada traxectoria como profesora, escritora e política. É catedrática do Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña e ten intervido en numerosos simpósios e congresos nacionais e internacionais sobre sociolingüística, línguas europeas non normalizadas, literatura galega e feminismo. Militante do movimento nacionalista desde 1975-1976, foi deputada, polo Bloque Nacionalista Galego, no Parlamento Galego de 1989 a 2003. Será a encargada de ler o pregón que dá comezo ás festas o día 4 de outubro.
María Pilar Campo Domínguez, coñecida como Marica Campo, nace no Val do Mao, no Incio, o 24 de febreiro de 1948. Cando ten oito anos a familia trasládase a Lugo para facilitar os estudos dos fillos. Exerceu como mestra en Muimenta, Castro de Rei, Canarias, na Mariña de Lugo e no IES de Guitiriz, lugar onde se xubila en 2008 e onde continúa a residir. Marica Campo atesoura numerosos premios e galardóns ao longo da súa ampla carreira como escritora. Será a encargada de facer a Ofrenda a Rosalía de Castro o día 7 de outubro, Domingo das Mozas.
O tenente alcalde e responsable das festas, Antón Bao, afirmou que o San Froilán deste ano será “un San Froilán en feminino”. Ainda que non quixo dar pistas sobre a programación, que se está ultimando, si avanzou que haberá “propostas moi variadas para atender a todos os gustos e a todos os públicos”. Explicou ademais que se está “negociando duramente para conseguir “os mellores concertos aos mellores prezos”. “Non imos pagar cachés que nos parezan abusivos”, dixo.

As casetas do polbo abrirán o día 29 e o feiral o día 4

Antón Bao tamén anunciou que as casetas do polbo abrirán as súas portas o día 29 de setembro pero que o feiral con todas as atraccións non o farán ata o día 4 de outubro para evitar así maiores molestias aos veciños e veciñas das zonas próximas. Tamén indicou que se recibiron 170 solicitudes de espazo para o feiral.

En canto ás aportacións dos hostaleiros e comerciantes para as festas, o tenente alcalde explicou que esta mañá tivo lugar a primeira das achegas, por parte do bar Os Tres Pés, situado na Rúa Nova dende hai 40 anos. Bao agradeceu esta aportación, dun dos “históricos” da Rúa Nova, dixo, e mostrouse convencido de que nos vindeiros días serán máis os establecementos de hostalaría que porán “o seu gran de area para ter unhas mellores festas”.

3.000 cartas pedindo colaboración

Antón Bao explicou que se enviaron un total de 3.000 cartas oficiais pedindo colaboración ao comercio e a hostalaría da cidade. A carta chegarálles a todos os bares e restaurantes da cidade e aos comercios da zona centro por ser os negocios que máis se benefician das festas. Na carta o Concello pídelles que colaboren na financiación das festas deste ano facendo unha aportación mínima de 200 euros no caso negocios de hostalaría e de 150 no dos comercios. A aportación será voluntaria pero todos aqueles que colaboren recibirán un distintivo oficial para colocar nos seus escaparates que os identificará como “establecemento colaborador co San Froilán 2012”.

Antón Bao considerou “lóxico e razonable” que aqueles sectores que sacan un maior beneficio das festas colaboren no seu financiamento. O tenente alcalde afirmou que “a cidadanía así o demanda”, polo que o Concello puxo en marcha esta iniciativa, que é a primeira vez que se leva a cabo.

Para iso, o Concello artellou un método sinxelo no que os establecementos que queiran colaborar poderán facer os seus ingresos nun número de conta. Como contrapartida, todos os establecementos que fagan a aportación mínima contarán cun distintivo oficial que os identificará como establecementos colaboradores nas festas de San Froilán; os que realicen unha aportación superior aos 500 euros aparecerán ademais nomeados no programa oficial de festas, do que se fai unha tirada de 55.000 exemplares, así como na páxina web oficial www.sanfroilán.info e en diversas accións publicitarias que realizará o Concello de Lugo. O prazo para facer os ingresos é do 3 ao 14 de setembro.  


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova