Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

150 persoas inscritas na Escola de Música en tan só 3 días


# Xoves, 06/09/2012
Os instrumentos máis demandados son saxofón e percusión e clases de Música e Movemento para nenos e nenas de 3 a 7 anos 

Imaxe Asociada
O prazo de matrícula estará aberto ata o día 28 de setembro e as clases comezarán o 15 de outubro


A Escola Municipal de Música, que comezará a funcionar a mediados de outubro no Centro Social Uxío Novoneyra, está a recibir un aluvión de solicitudes. En tan só tres días xa hai formalizadas máis de 150 matrículas de persoas inscritas, segundo explicou hoxe o tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, que destacou que esta iniciativa está a ser un “éxito” e que está a haber unha “grande demanda” por parte de público de todas as idades.
 
Bao explicou que percusión e saxofón son os instrumentos máis demandados e que tamén hai moitos nenos e nenas pequenos inscritos, en concreto uns 70 nenos e nenas de entre 3 e 7 anos apuntados. Para estas idades temperás está pensada a asignatura de Música e Movemento. Tamén hai un bo número de persoas de todas as idades, moitas delas persoas xubiladas, con idades que chegan aos 80 anos.

As matrículas poden formalizarse ata o día 28 de setembro na Concellería de Cultura en horario de mañá e tarde, onde hai habilitada unha oficina para inscribirse atendida por profesores da Escola de Música. Os horarios son de 9:30 a 13:30 horas e de 16:30 a 18:30. Os formularios poden descargarse da páxina web www.lugo.es. Habilitouse un teléfono de información específico que é o 982297520 ou tamén a través do 010.

Poden inscribirse na Escola nenos e nenas a partir de 3 anos e persoas maiores que queiran aprender a tocar algún instrumento musical. A través desta iniciativa o Concello de Lugo quere que a música chegue a toda a cidadanía, sen distinción de idade, de clase social ou de lugar de residencia, por medio dun servizo cen por cen público. A posta en marcha deste servizo era unha vella demanda, pois Lugo era a única cidade galega que non contaba cunha Escola de Música, un servizo que hai mesmo en moitas vilas máis pequenas.

Pódese escoller entre 10 instrumentos e 11 materias de apoio

As clases da Escola Municipal de Música comezarán o 15 de outubro, despois do San Froilán e serán pola tarde, de 4 a 10 da noite. Do 3 ao 28 de setembro estará aberto o prazo de matrícula para que os cidadáns poidan xa reservar a súa praza. A Escola de Música terá un enfoque eminentemente práctico. Impartiranse un total de 21 materias, entre as que haberá a aprendizaxe de 12 instrumentos distintos, principalmente de vento e percusión, e 9 materias teóricas de apoio e formación musical.

As persoas que se matriculen poderán escoller entre clarinete, percusión, gaita, pito, frauta, trompa, trompeta, fagote, trombón, saxofón ou tuba. Entre as materias teóricas están linguaxe musical, formación de adultos, obradoiro de creación sonora, musica e movemento, historia da música, fundamentos da composición, jazz e improvisación, iniciación á informática musical. Tamén están pensadas clases de apoio para aqueles nenos e nenas que teñan problemas na asignatura de Música que se imparte nos centros de ensino.

Crear “canteira” para a Banda Municipal

Da docencia, organización e funcionamento da Escola encargaránse os propios músicos da Banda Municipal. Antón Bao destacou que dos alumnos da Escola de Música sairá a “canteira” de novos músicos que irá engrosando e mellorando a Banda Municipal, polo que “coa posta en marcha da Escola Municipal de Música imos conseguir potenciar a Banda Municipal, unha das de máis historia e tradición de Galiza, creada en 1876 por Xoán Montes”, lembrou o responsable de Cultura.

332 metros cadrados repartidos en 14 aulas

As obras de adecuación de espazos na primeira planta do Centro Social Uxío Novoneyra para acoller as distintas aulas da Escola de Música están xa moi avanzadas. As obras, que está a executar a empresa lucense Muralla de Rehabilitaciones por un importe de 97.000 euros, estarán rematadas a finais de setembro.

En total, a Escola Municipal de Música, que estará ubicada no Centro Social Uxío Novoneyra, onde xa ten o seu local de ensaio a Banda Municipal, ocupará 332 metros cadrados repartidos en 14 aulas. Ademais de 11 aulas de entre 6 e 12 metros cadrados para ensaios individualizados por cada un dos distintos instrumentos, haberá unha aula de ensaio para clases colectivas, de 62 metros cadrados de superficie, unha sala de informática para edición de partituras e unha sala de usos múltiples pensada para ensinanzas musicais que requiran movemento, acondicionada co chan acolchado e espellos nas paredes. Tamén formarán parte das dependencias da Escola de Música o actual local de ensaio da Banda Municipal, así como o salón de actos do Uxío Novoneyra, que acollerá concertos e actuacións.  
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova