Cargando....
Concello de Lugo
20/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A ponte romana de Lugo foi construída a comezos do século I e tiña un ancho de sete metros


# Xoves, 06/09/2012


Imaxe Asociada
As obras de rehabilitación do viaducto deixan ao descuberto importantes achádegos e elementos construtivos de orixe romana, como o tallamar da ponte, que era semicircular, o que emparenta a ponte de Lugo coa de Mérida, da mesma época

Nos traballos de documentación estase a empregar un sistema pioneiro de topografía dixital en 3D mediante laser da Universidade de Vigo


A ponte romana de Lugo foi construída a comezos do século I e tiña un ancho de sete metros, practicamente o dobre da actual. As obras de rehabilitación da ponte vella deixaron ao descuberto importantes elementos construtivos de orixe romana que poñen de manifesto o valor histórico e monumental do viaducto, segundo explicaron esta mañá os directores da obra, Manuel Durán e Pablo Fuentes, e o arqueólogo Santiago Ferrer.

Manuel Durán explicou que os achádegos atopados permiten saber cuestións como a anchura orixinal da ponte, que era de sete metros, ou a súa data de construción, en época augusta, igual que a vía romana XIX que pasaba por ela. Durán explicou que se atoparon sorpresas como que o tallamar da ponte era redondo, igual que a ponte romana de Mérida, da mesma época. Apareceron tamén inscricións en algúns sillares e elementos da enxeñería romana como as chamadas colas de milano, empregadas para unir as pedras.

Tamén apareceron no fondo do río outros elementos posteriores, algúns da época medieval como petriles ou mesmo pilares dunha antiga capela ou portazgo que había no medio da ponte e que se supón era usada para o cobro da peaxe por atravesar a ponte. Parte dos achádegos, tanto de orixe romana como medieval, serán expostos in situ e outros serán custodiados polo servizo municipal de arqueoloxía. Durán indicou que algúns dos elementos romanos atopados son dun importante valor, únicos en Galicia.

Para realizar os traballos de documentación do material atopado, así como de análise e planimetría dos pilares orixinarios da ponte, que quedaron ao descuberto para o seu reforzamento, estáse a empregar unha tecnoloxía de última xeración, un sistema de topografía laser en 3D inventado pola Universidade de Vigo e absolutamente pioneiro.

Unha das pontes máis importantes de toda ‘Gallaecia’

O director da obra indicou que se trataría dunha das pontes máis importantes de toda a Gallaecia romana que conserva 5 dos 12 elementos construtivos característicos dos viaductos romanos. A cimentación romana atópase ademais nun excelente estado de conservación en comparanza con reparacións acometidas séculos despois na ponte, algunhas delas recentes. Manuel Durán destacou que en toda a península hai datadas unhas 40 pontes de orixe romana, pero moitas delas non conservan tantos elementos orixinais como a de Lugo.


Durán destacou a aposta do Concello de Lugo por rehabilitar esta ponte e dixo que se trata dunha das obras de rehabilitación máis importantes que se fixo na cidade de Lugo nas últimas décadas e que vai permitir poñer en valor un importante elemento do patrimonio da cidade. A rehabilitación da vella ponte romana de Lugo servirá para que o viaducto recupere a súa imaxe orixinal. Os traballos consistirán na retirada dos elementos engadidos en reformas posteriores e na substitución das canalizacións e do cableado que hoxe cruza pendurado pola ponte.

Para acometer os traballos foi necesario achicar o caudal do río mediante ataguías para poder actuar sobre as pilastras orixinais da época romana. A ponte está cimentada directamente sobre a pena que aflora nesa entreseca do río Miño e debido a enchentas e acometidas do río algúns dos sillares sufriron deterioro co paso do tempo que é preciso reparar.

Os traballos de rehabilitación da ponte irán acompañados dunha serie de controis arqueolóxicos que poden aportar novos achádegos. As catas levaránse a cabo en varios dos pilares e na zona de asentamento do viaducto no barrio da Ponte, por onde se supón que discurría a calzada orixinaria de orixe romana.

O viaducto recuperará o seu aspecto orixinal

No fondo do leito do río poden verse tamén neste momento como consecuencia de achicar o caudal do río varios dos sillares de pedra do petril da ponte, que foron substituídos en reformas posteriores de finais do século XIX e de 1970 polas actuais pasarelas e barandas metálicas. O proxecto de rehabilitación contempla agora retirar a actual estrutura metálica colocada nos anos 70 para ensanchar a ponte e colocar de novo barandas de sillería.

Tamén se cambiará o pavimento, que volverá a ser de pedra de chapacuña (pedra pizarra posta de punta) tal como era orixinalmente. Ao mesmo tempo, aproveitarase para renovar todas as canalizacións de auga, luz, gas e telefonía que dan servizo ao barrio da Ponte e que actualmente cruzan colgadas do viaducto, que pasarán a ir agochadas. Está previsto asemade baixar a rasante de entrada á ponte dende a Volta da Viña, co que se mellorarán os accesos á Calzada da Ponte, ao Balneario e ao Paseo do Miño, e subir a rasante no centro da ponte, tal como era orixinariamente.

Os traballos rematarán a finais de outubro

Os traballos, que están sendo executados pola empresa Misturas SA, de Ourense, por un importe de 688.048,56 euros, rematarán a finais do mes de outubro. Durante este tempo estará cortado o tráfico de vehículos pola ponte, pero manterase un paso a pé pola ponte que facilite a mobilidade aos veciños do barrio.

Durante este tempo permanece activado un Plan de Tráfico específico que se levará a cabo durante o tempo que duren os traballos e que foi consensuado coa Asociación de Veciños do barrio. Adoptáronse tamén unha serie de medidas para garantir o servizo de bus urbano, taxi e o acceso para os veciños ao barrio, e reforzouse a presenza da Policía Local para tratar de evitar posibles retencións puntuais que se poidan producir.  
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova