Cargando....
Concello de Lugo
29/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A tempada do Auditorio Municipal Gustavo Freire estréase este mes con teatro, música e cinema


# Venres, 07/09/2012
O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, anuncia melloras na accesibilidade, comodidade e no sistema de venda de entradas 

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
Nos últimos 8 meses o auditorio municipal tivo actividade a metade dos días,  cunha media de asistencia a cada función de 200 persoas 


O auditorio municipal Gustavo Freire estrea nova tempada este mes de setembro cunha completa programación de teatro, música, cinema e actuacións para nenos e nenas. O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, presentou esta mañá en rolda de prensa a nova programación, que se inicia este domingo 9 de setembro ás 18:30 horas coa obra de teatro infantil Peter Punk e o neno imperdible. A función inclúe teatro e novo circo e as entradas poderán mercarse dende unha hora antes do comezo do espectáculo na billeteira do propio auditorio a un prezo de 3 euros.

Antón Bao destacou a aposta do Concello por converter o auditorio municipal nun “espazo cultural de referencia na cidade para todos os públicos con actividades variadas para todos os gustos”. Neste sentido, detallou que neste mes de setembro haberá cinema, música, teatro e actuacións infantís e que os domingos será o día do teatro no auditorio. A programación teatral comezará este vindeiro domingo día 9 coa representación de Peter Punk e o neno imperdible e continuará o domingo 16 coa obra O eloxio da loucura, da compañía Atrezo Teatro (o prezo da entrada é de 2 euros); o domingo 23 representaráse Portus Veneris, da compañía Carfax Teatro (entradas tamén a 2 euros); e o domingo 30 Radio Universo, da compañía lucense Nostrum Cai Teatro.

En setembro tamén haberá música no auditorio, xa que o venres 14 actuará Xoán Eiriz en concerto para presentar o seu último disco Trinta anos e unha cantiga de amor, no que repasará a súa extensa traxectoria na música galega (as entradas custarán 8 euros para o público xeral e 4 para parados, xubilados e meniños).

E finalmente, tamén haberá cinema, xa que do 17 ao 22 de setembro o auditorio Gustavo Freire acollerá as proxeccións da sección oficial da 34 Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo. Antón Bao tamén anunciou que en outubro continuará a programación de cinema no auditorio municipal a través dunha programación de cinema non comercial.

Melloras no Auditorio Gustavo Freire

O tenente alcalde tamén anunciou unha remodelación no auditorio municipal que consistirá na renovación da imaxe e da sinaléctica para potenciar o auditorio de Lugo de cara a atraer actuacións de calidade de compañías ou artistas que se atopen en xira. As melloras tamén afectarán á accesibilidade e á comodidade do público mentras agarda polo comezo dos espectáculos. Avanzou tamén que se está a traballar nun sistema de venda de entradas por internet propio do Concello que evite as comisións e sobrecustos que as entidades bancarias cobran actualmente aos espectadores pola venda online das entradas.

Todo, dixo Bao, co obxectivo de aumentar o número de actuacións que hai no auditorio e o público asistente ás mesmas. Neste sentido, indicou que nos últimos 8 meses houbo un notable aumento nos días de actividade, xa que estivo ocupado a metade dos días, cunha media de público asistente dunhas 200 persoas por función.

Finalmente, o tenente alcalde e responsable de Cultura demandou da Xunta de Galiza a axilización das obras de construción do novo auditorio para que a cidade de Lugo poida acceder a espectáculos e actuacións que neste momento non pode acoller por carecer dun espazo axeitado. “Se con este auditorio que temos fomos capaces de ter actividade variada e frecuente a diario, que non poderiamos facer no novo auditorio”, argumentou Antón Bao. 


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova