Imprimir

A POLICÍ­A LOCAL E O SERVIZO DE PARQUES E XARDÍ­NS DISPOÑEN DE DOUS NOVOS VEHÍ­CULOS


7/9/2012 Esta mañá foron presentados un novo coche patrulla e un furgón nos que o Concello investe máis de 48.000 euros 

Este ano o Parque Móbil tamén comprou un camión gravillador e está pendente de adxudicar outro patrulleiro para a Policía Local e un camión bituminadora

O Goberno local adica este ano á compra de vehículos para os distintos servizos municipais 347.000 euros


O Concello de Lugo vén de incorporar ó seu Parque Móbil dous novos vehículos, un coche patrulla para a Policía Local e un furgón destinado ó servizo de Parque e Xardíns.

Os dous vehículos, que se adqueriron polo sistema de leasing cun custe total de 48.445 euros, foron presentados hoxe polo Director do Parque Móbil municipal, José Reigosa, que estivo acompañado polo Xefe da Policía Local, Manuel Novo; o Xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Regueiro, e o Inspector da Policía Local Eduardo Ferreiro.

Segundo explicou o Director do Parque Móbil, a Policía Local dispón así dun novo e moderno vehículo, rotulado dacordo coa nova normativa da Xunta de Galicia, e que conta das mellores prestacións. A parte dianteira do vehículo vai separado por unha mampara de seguridade dos asentos destinados persoas que sexan detidas. Na zona dianteira dispón dun panel dende o que se poden manexar diferentes dispositivos propios dun vehículo policial, como as luces e as sereas do patrulleiro e tamén se poden bloquear as portas traseiras para que non se poidan abrir desde fóra ou impedir que quiten os cintos de seguridade os detidos que ocupen os asentos traseiros.

O novo vehículo patrulla da Policía Local adicarase á policía de barrio, segundo anunciou o Xefe do Corpo, Manuel Novo.

Tocante ó vehículo que prestará servizo de Parques e Xardíns, trátase dun furgón mixto, con seis prazas e zona de carga. Tamén está dotado cunha baca con rodillos de carga para evitar que se deteriore a chapa do vehículo e dispón dun enganche para poderlle acoplar un remolque no que transportar os pequenos tratores que emprega o Servizo de Parques e Xardíns nos traballos de limpeza e acondicionamento de distintas zonas, como o parque do Miño. A instalación do remolque facilitará que non teña que facerse, no sucesivo, o traslado dos tratores en camións como se viña facendo ata agora.

O Parque Móbil reforzase este ano con cinco novos vehículos

José Reigosa tamén lembrou que no que vai de ano xa son tres os vehículos adquiridos polo Concello e están pendentes de adxudicar outros dous. O pasado mes de xuño incorporouse ó Parque Móbil un camión gravillador, orzamentado en 93.692 euros, con destino ó Servizo municipal de Obras e nestes momentos están pendentes de adxudicar outros dous vehículos cun presuposto total máximo de 205.000 euros. Trátase dun camión bituminadora para o Servizo de Obras, que foi licitado por un importe máximo de 175.000 euros, e outro monovolumen patrulleiro adicado á Policía Local, licitado nun máximo de 30.000 euros.