Cargando....
Concello de Lugo
01/06/20
NOVAS
Escoita esta páxina

O Concello acomete obras na rúa Roi Xordo para mellorar o acceso ao colexio Illa Verde


# Luns, 10/09/2012
Os traballos consisten na ampliación da beirarrúa para gañar en seguridade dos nenos e nenas que acuden a este colexio público, explicou a concelleira de Infraestruturas, a nacionalista Paz Abraira 

Adxudicada á empresa Construcciones Sanle Lugo a remodelación do entorno da Fonte da Pinguella por un importe de 76.500 euros

A Concellería de Infraestruturas, que dirixe a nacionalista Paz Abraira, iniciou obras na rúa Roi Xordo para facilitar a mobilidade e garantir a seguranza dos nenos e nenas que acoden ao colexio públido Illa Verde. Os traballos, que se están a executar, consisten no ensanchado de beirarrúa, que pasará a ter un metro máis. Deste xeito, os nenos e nenas que discorren por esta rúa que dá acceso ao centro escolar poderán facelo dun xeito máis seguro.

Esta era unha vella demanda da comunidade educativa do centro, tanto dos pais e nais como do profesorado. O tramo no que se está a actuar é duns 100 metros e quedará rematado esta semana. A obra conta cun orzamento de préto de 10.000 euros e acométese con fondos do Orzamento municipal para obras deste ano.

A edil de Infraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira, explicou que esta actuación súamase a outras acometidas este ano na zona, como o rebaixe das beirarrúas e a eliminación de barreiras arquitectónicas e a mellora do alumeado público.

Acondicionamento do entorno da Fonte da Pinguela

Doutra banda, a Mesa de Contratación celebrada hoxe adxudicou á empresa Construcciones Sanle Lugo a obra de urbanización e mellora da contorna da Fonte da Pinguela. Este espazo, situado na confluencia das rúas Tinería e Travesía do Miño á altura da Porta Miñá, será integramente remodelado grazas á execución dun dobre proxecto polo que se acometerá a restauración da propia fonte e da súa contorna. As obras de restauración da fonte serán acometidas pola Xunta de Galiza mentres que o Concello encargarase de remodelar a contorna da fonte mellorando a accesibilidade da zona.

Paz Abraira sinalou esta obra como “necesaria para recuperar unha zona importantísima da cidade que leva moito tempo abandonada e que precisaba desta actuación dende hai moito tempo”. A actuación encádrase “dentro do obxectivo de mellorar e humanizar os espazos públicos” e conta co financiamento do Plan Urban. O proxecto contempla un orzamento de 76.500 euros e un prazo de realización de 6 meses.

Para o pavimento utilizaranse placas de granito gris con acabado abuxardado de diferentes grosores e eliminarase o adoquinado da zona. O proxecto proposto dá solución aos diferentes problemas que se presentaron xa que a zona ten unhas pendentes considerables e ademais é preciso dar acceso a varias vivendas. Tamén se acometerá unha modificación puntual das redes existentes para adaptalas ás novas cotas do pavimento e mellorarase o saneamento.

A nacionalista Paz Abraira incidiu na importancia desta zona que quedará totalmente rehabilitada unha vez rematada a actuación. E recalcou da importancia de facer unha especial vixiancia arqueolóxica durante o desenvolvemento das obras. O espazo conta cunha serie de elementos singulares, ademais da porta máis antiga da muralla, como é o Pazo de Orbán, a Fonte da Pinguela e unha vivenda con galería de tambor na Travesía do Miño. 


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova