Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Un total de 45 establecementos hosteleiros participan na oitava edición do concurso de tapas de Lugo


# Luns, 10/09/2012
 

Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada

A nova edición do Concurso de Tapas de Lugo, que dará comezo o vindeiro venres día 14 e se prolongará ata o 30 de setembro, será recordada por ser a edición máis aberta ao público -que elixirá a tapa gañadora- e polo gran número de regalos que se sortearán, entre eles un cruceiro polo Mediterráneo.

Esta mañá, o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo (Apehl), Cheché Real, e o concelleiro de Turismo, Antón Bao, ofreceron unha roda de prensa conxunta na que explicaron como se desenvolverá a oitava edición do Concurso de Tapas de Lugo, que desde este ano pasa a estar organizado Apelh.  

Os 45 locais participantes concorrerán cunha única tapa que se poderá degustar do 14 ao 30 de setembro en horario de 13.00 a 15.30 e de 20.00 a 22.30 horas e cuxo prezo oscilará entre 1 e 3 euros. (Ver lista de participantes no documento anexo.)
A principal novidade desta edición é que será unicamente o voto do público, e non o do xurado profesional, o que decida o establecemento gañador do concurso, que será aquel que teña a tapa máis votada. O voto do público tamén outorgará o premio Marqués de Cernadas e o premio tapa ecolóxica, que serán para as tapas elaboradas con queixo Marqués de Cernadas e con produtos ecolóxicos amparados polo selo do Craega mellor clasificadas dentro do concurso.

O xurado profesional, pola súa banda, decidirá os gañadores da mellor tapa creativa, a mellor tapa tradicional, a que mellor maride con viño da DO Ribeira Sacra e a que mellor maride con cervexa Estrella Galicia. O xurado profesional elixirá os gañadores entre os 10 establecementos finalistas previamente elixidos polo xurado popular.

PREMIOS DE CALIDADE E EN CANTIDADE 

Para formar parte do xurado popular, os consumidores terán que depositar en urna o seu correspondente cupón de votación debidamente cuberto e selado por seis locais diferentes participantes no concurso. Serán descalificados os cupóns que non teñan os datos persoais ben cubertos e os que non aparezan correctamente selados.
Coa entrega deste cupón, o consumidor entrarará no sorteo dun gran número de premios entre os que destacan unha fin de semana en Londres para dúas persoas, 10 bonos para dúas persoas pola Ribeira Sacra que inclúen ruta en catamarán, visita a adegas e degustación de viño, estancias para dúas persoas en hoteis de toda a provincia e ceas en restaurantes de Lugo. (Ver lista de premios no documento anexo)

Outra das novidades do concurso é a existencia dun pasaporte que brinda a posibilidade de entrar no sorteo dun cruceiro polo Mediterráneo para dúas persoas. O único requisito é depositalo en urna, debidamente cuberto e selado polos 45 locais participantes. Ademais, coa entrega do pasaporte, o cliente recibirá unha camiseta de …E para comer, Lugo.

RECONTO DE VOTOS 

O día 30 de setembro, a partir das 23.00 horas, membros da Asociación Provincial de Hostelería de Lugo (Apehl) recollerán as urnas dos establecementos participantes, que serán precintadas no propio local, e serán depositadas na sede da Asociación ata o día seguinte. O 1 de outubro, ás 10.00 horas, farase o reconto de votos nas oficinas da Apehl, determinando así o gañador do concurso e os outros nove finalistas.

Posteriormente, o día 3 de outubro, o xurado profesional percorrerá os 10 establecementos finalistas para probar a tapa ofrecida por cada un deles e decidir o gañador da tapa creativa, a tapa tradicional, a mellor maridaxe con viño da DO Ribeira Sacra e a mellor maridaxe con cervexa Estrella Galicia.

PRESENZA NA REDE 

A oitava edición do Concurso de Tapas de Lugo contará coa web propia www.concursodetapasdelugo.com e gran difusión nas redes sociais, onde se irá dando conta de todas as novidades, anécdotas e detalles da competición. 
Escoitar audio:


Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova