Cargando....
Concello de Lugo
19/04/24
NOVAS
Escoita esta páxina

A cidade de Lugo acollerá por segundo ano o Festival Galego de Teatro Afeccionado


# Martes, 11/09/2012
O Auditorio Gustavo Freire e o Centro Social de Fingoi acollerán tres representacións os días 16, 22 e 23 de setembro

Imaxe Asociada Imaxe Asociada
A mostra está organizada por Hipócrita Teatro e Achádego


A cidade de Lugo será a sede, por segundo ano consecutivo, do Festival Galego de Teatro Afeccionado ‘Fegatea Móvete 2012’. O auditorio municipal Gustavo Freire e o Centro Social de Fingoi acollerán tres representacións os días 16, 22 e 23 deste mes. O Festival foi presentado esta mañá no Concello de Lugo polo tenente alcalde e concelleiro de Cultura, o nacionalista Antón Bao, o responsable da área de Cultura da Deputación, Mario Outeiro e representantes das compañías lucenses Hipócrita Teatro e Achádego, organizadoras da mostra.

Antón Bao destacou que este Festival, que arrinca este domingo coa representación da obra O eloxio da loucura, da compañía Atrezo Teatro, demostra “a fortaleza e viveza das compañías de teatro afeccionado que hai en Lugo”. Pola súa banda, Mario Outeiro indicou tamén que o Proxecto Buxiganga posto en marcha dende a Deputación para a promoción do teatro afeccionado lucense xa é un referente a nivel galego.

Ademais da representación deste domingo, o Gustavo Freire acollerá outra das representacións deste festival, Portus Veneris, da compañía Carfax Teatro o domingo 23. As entradas a estes dous espectáculos custarán dous euros. O sábado 22 a representación será no Centro Social de Fingoi a cargo da compañía Paso de Valverde que porá en escena Sánatos. A entrada será de balde.

Carlos Rebolo e Tareixa Campo, de Hipócrita Teatro e Achádego, as dúas compañías lucenses organizadoras, destacaron a revitalización que se lle está a dar dende a Concellería de Cultura ao Auditorio Gustavo Freire e indicaron que o público lucense poderá ver obras de grande calidade dentro deste Festival, “que non desmerecen en nada as representacións de compañías profesionais agás no orzamento das montaxes”, destacaron.


FESTIVAL GALEGO DE TEATRO AFECCIONADO 2012

Data: Domingo, 16 de setembro de 2012
Actividade: Teatro
Título da obra: O eloxio da loucura
Compañía: Atrezo teatro
Lugar: Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo
Hora: 20.00 (as entradas poderanse adquirir na billeteira do propio auditorio unha hora antes da función)
Prezo da entrada: 2 € (entrada única)
Organiza: FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado)

Data: Sábado, 22 de setembro de 2012
Actividade: Teatro
Título da obra: Sánatos
Compañía: Paso de Valverde
Lugar: Centro de Convivencia de Fingoi
Hora: 18.00
Organiza: FEGATEA ( Federación Galega de Teatro Afeccionado)

Data: Domingo, 23 de setembro de 2012
Actividade: Teatro
Título da obra: Portus Veneris
Compañía: Carfax Teatro
Lugar: Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo
Hora: 20:30 (as entradas poderanse adquirir na billeteira do propio auditorio unha hora antes da función)
Prezo da entrada: 2 € (entrada única)
Organiza: FEGATEA ( Federación Galega de Teatro Afeccionado)




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova