Cargando....
Concello de Lugo
01/06/20
NOVAS
Escoita esta páxina

Esta semana quedará colocado o mobiliario no tramo peonil da Ronda da Muralla e o Concello facilitará aparcamento alternativo ós pais de alumnos de educación infantil dos colexios situados na zona


# Mércores, 12/09/2012


Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
  • Imaxe Asociada
A Xunta de Goberno concede licenza para agrupar catro parcelas das Gándaras nas que se quere instalar a empresa Norvento

As obras da ponte romana avanzan a bo ritmo e estarán rematadas a finais de outubro

Esta semana quedará colocado o mobiliario no tramo peonil da Ronda da Muralla, o que impedirá o estacionamento de vehículos nesa zona, polo que o Goberno local ofrecerá aparcamento alternativo ós pais dos alumnos de educación infantil situados na zona, segundo informaron hoxe, logo da Xunta de Goberno, os Concelleiros de Urbanismo, Luis Álvarez, e de Infraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira.

A responsable de Infraestruturas explicou que a empresa encargada da subministración do mobiliario procedeu xa ao balado da zona para facer os replanteos e medicións previas necesarias e que a instalación se levará a cabo no día de mañá e pasado.

Paz Abraira indicou que o Goberno Local segue adiante co proxecto aprobado co obxectivo de “gañar para o desfrute de todos os lugueses e luguesas un tramo peonil que ata agora se viña usando como aparcadoiro indiscriminado”. As obras de humanización dese entorno incluirán a instalación dun total de 22 bancos con xardineira; 7 xardineiras e 7 papeleiras no tramo comprendido entre a Rúa Vilalba e a Praza da Constitución, adoptando este tramo a partir de agora un carácter estritamente peonil, segundo informou Paz Abraira, polo que só poderán acceder vehículos de emerxencia e o transporte escolar do colexio.

A actuación conta cun orzamento de 133.000 euros (60.000 euros o mobiliario e 73.000 euros a iluminación) e contempla tamén a instalación de 15 farolas de fundición acordes ao entorno monumental onde estarán instaladas, a carón da Muralla.

Pola súa banda, o Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, indicou que se está a ultimar un acordo entre o Concello e a empresa concesionaria do aparcadoiro municipal da Praza da Constitución para que os pais e nais que levan en coche ós seus fillos e fillas aos colexios situados nesa zona poidan estacionar durante vinte minutos durante ás horas de entrada e saída do colexio. Os vehículos autorizados a utilizar este aparcamento alternativo estarán debidamente identificados.

Licenza a Norvento

O Concelleiro de Urbanismo tamén informou da concesión de licenza á empresa Norvento para a agrupación de catro parcelas contiguas situadas no parque empresarial das Gándaras que teñen unha superficie total de 19.348 metros cadrados.

Luis Álvarez explicou que Norvento “presentou o avance dun proxecto que é importante para a cidade” e dixo que “o Concello de Lugo celebra que esta empresa decida instalarse na nosa cidade cun proxecto que é singular desde o punto de vista arquitectónico e que, ademais, contribuirá a dinamizar o novo parque empresarial das Gándaras”.

O Concelleiro de Urbanismo explicou que esta empresa proxecta construír nas Gándaras un complexo no que, ademais de oficinas técnicas e de atención ó público, está prevista unha aula de divulgación sobre as enerxías renovables.

As obras na ponte romana avanzan a bo ritmo

A responsable de Infraestruturas tamén informou de que as obras de rehabilitación que se están a acometer na ponte romana avanzan a bo ritmo e cumprindo os prazos previstos, polo que os traballos estarán rematados a finais de outubro. Paz Abraira indicou que os traballos de consolidación das pilastras xa está rematado e que a vindeira semana se comezará coa substitución do cabreado e os servizos que atravesan a ponte para logo proceder á renovación do firme, que quedará de lousa colocada de canto en chapacuña.

Paz Abraira quixo tranquilizar aos veciños do barrio, posto que o paso de vehículos unha vez rematen as obras está garantido. Dixo que por mor dun “efecto óptico” neste momento semella que o ancho final da ponte non permitirá a circulación, pero Paz Abraira indicou que, unha vez rematen os traballos, a anchura mínima, na parte máis estreita, será de máis de tres metros, polo que será posible a circulación de vehículos. Aclarou, con todo, que esta circulación pasará a ser en sentido único, de saída da cidade e non como agora en dobre sentido.

Outros acordos

A Xunta de Goberno tamén acordou desistir do procedemento de contratación da subministración dunha cabina de calidade de aire para o control de calidade de niveis de inmisión do aire. A decisión débese á falta de compromiso por parte da Xunta de Galicia que garanta a viabilidade da instalación. Esta instalación fora proposta no seu día debido ó interese mostrado pola Xunta por contar, en Lugo, con dúas estacións de medición da calidade do aire.
Para iso, o Concello debería colaborar adquirindo a cabina e algúns dos equipos, mentres que a Xunta responsabilizábase do resto do equipamento e do seu mantemento. Logo de diversas reunións con responsables na materia da administración autonómica, manifestaron o seu interese por equipar unha cabina e de facerse cargo do seu mantemento, pero ese interese non se concretou nun convenio ou documento semellante.

Ademais, o Goberno local acordou hoxe levantar a suspensión que pesaba sobre os requirimentos de reintegro dos haberes percibidos indebidamente por persoal adscrito á Policía Local en concepto de nocturnidade.

O acordo tomouse en cumprimento dunha sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que lle deu a razón ó Concello nun recurso e revocou un auto anterior do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de Lugo.

O Concello suspendera os requirimentos ó producirse ese auto do Xulgado do Contencioso que determinou, nunha peza separada, a suspensión cautelar dos requirimentos de devolución dos haberes percibidos indebidamente e, agora, levantase a suspensión en aplicación da sentenza do TSXG que anula o fallo do Xulgado.

O PP por fin foi consultar a información que reclamaba

O Voceiro socialista tamén censurou ó Partido Popular pola súa tardanza en ir consultar a documentación económica que reclamaron con tanta urxencia.

Luis Álvarez informou de que “por fin, o Partido Popular foi consultar hoxe ó servizo de Intervención o famoso listado 347 da declaración anual de operacións con terceiras persoas”.

“É algo que celebramos e que agardabamos desde hai tempo”, manifestou Álvarez quen lembrou “o circo mediático que montaron, con foto incluída, cando pediron acceso a esa documentación”.

O Concelleiro de Urbanismo sinalou que “tardaron aproximadamente tres semanas en ir consultar a información pola que dicían ter tanto interese” e explicou que o acceso á información foi autorizado cunha advertencia expresa, feita polo Interventor, xa que o acceso á ficheiros informáticos obriga ó deber de sixilo da información, dado que contén datos que, por Lei, están protexidos pola Axencia de Protección de Datos.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova