Cargando....
Concello de Lugo
28/03/24
NOVAS
Escoita esta páxina

Publicada a lista provisional de bolseiros do proxecto Muralla Dixital


# Xoves, 13/09/2012
32 mozos desempregados foron seleccionados para participar nos catro obradoiros que organiza o Concello neste proxecto que cofinancia a Unión Europea

O Concello deu a coñecer hoxe os resultados provisionais do proceso selectivo para a cobertura das 32 bolsas de formación do proxecto Muralla Dixital.

As devanditas bolsas son para participar nos obradoiros de dixitalización que vai desenvolver o Concello de Lugo ó abeiro deste proxecto, que está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (POCTEP).

A lista provisional de bolseiros está exposta no Taboleiro de Editos do Concello e tamén se pode consultar no sitio web municipal www.lugo.es e no do propio proxecto www.muralladigital.eu.

O prazo para efectuar reclamacións estará aberta ata o luns, día 17 de setembro. As reclamacións deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Dixitalización do patrimonio cultural de Lugo

Este proxecto europeo ten como obxectivo principal a creación dunha rede de cidades amuralladas de Galicia e Norte de Portugal que aposten pola xestión conxunta para a valorización do seu patrimonio histórico-arqueolóxico a través das novas tecnoloxías da información e da comunicación. O partenariado do proxecto está formado polos seguintes socios: Concello de Lugo (beneficiario principal), Universidade de Santiago de Compostela, Ineo, Asociación Multisectorial de Nuevas Tecnologías de Información y Comunicación. Centro de Computação Gráfica Azurém. Câmara Municipal de Valença. Câmara Municipal de Monção. Câmara Municipal de Melgaço.

O orzamento total do proxecto é de 1.883.800 euros, dos que 1.412.000 son achegas da Unión Europea, a traveso dos fondos FEDER. Neste proxecto o Concello de Lugo colabora cun presuposto de 736.500 euros e a USC leva a cabo unha achega de 163.500 euros, en ambos casos o 75% pertencen a fondos europeos.


Un dos principais obxectivos que persegue o Concello de Lugo co proxecto Muralla Dixital é a valorización e difusión do patrimonio histórico-artístico e arqueolóxico da cidade, a través das novas tecnoloxías da información e da comunicación. Ademais de centrarse na formación e creación de emprego no sector do Patrimonio Cultural, orientado fundamentalmente a mozos/as na procura da súa primeira experiencia profesional, para a súa inserción laboral como traballadores por conta allea en empresas especializadas, ou a través do autoemprego.

Catro obradoiros

Os obradoiros que se van levar a cabo están dirixida a mozos/as de entre 18 e 35 anos, en situación de desemprego e terán unha duración de cinco meses e unha beca. Os contidos destes obradoiros xiran en torno á dixitalización do patrimonio histórico-arqueolóxico da cidade de Lugo, con especial incidencia sobre a Muralla Romana, Patrimonio da Humanidade, utilizando para iso as novas tecnoloxías da información e da comunicación. Teñen un claro compoñente práctico, xa que aínda que existe unha pequena parte teórica, a parte fundamental xira en torno á aprendizaxe no manexo de diferentes ferramentas tecnolóxicas de rexistro, documentación e difusión do propio patrimonio histórico-arqueolóxico lucense. Desta maneira, permitirase xerar unha serie de produtos de difusión cultural relacionados coa historia da cidade de Lugo que serán incorporados aos diferentes produtos tecnolóxicos que se xeren dentro do proxecto “Muralla Digital”.




Compartir:
Facebook Del.icio.us My Yahoo Technorati Meneame Wikio
RSS                                      Plan Avanza,Abre fiestra nova Instituto de Crédito Oficial,Abre fiestra nova